Plexus Tech patrocina as VIII Xornadas Nacionais de Ciberseguridade

Silvia Camesella,

Plexus Tech patrocina as VIII Xornadas Nacionais de Ciberseguridade


  • A ciberseguridade estivo a debate en Vigo, nun encontro que uniu á rede académica, investigadora e empresarial

Analizando o presente e o futuro da ciberseguridade, Plexus Tech estivo presente nas VIII Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade (JNIC). A compañía tecnolóxica non só participou no evento celebrado en Vigo, senón que patrocinou o encontro de referencia en España sobre privacidade dixital.

Durante tres xornadas, profesionais destacados da ciberseguridade analizaron os últimos avances na protección dixital. Foron tres días para poñer en contacto, intercambiar e discutir ideas, coñecementos e experiencias entre a rede académica, a investigadora e a empresarial.

Nesta ocasión, as JNIC estaban organizadas polo centro tecnolóxico Gradiant e atlanTTIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo). Ambas as entidades enfocaron o encontro ao redor de tres eixos: investigación, transferencia e innovación docente.

Coa presenza de preto de 200 especialistas, propuxéronse actividades de todo tipo para analizar os retos do sector. Nas diferentes iniciativas do programa puxéronse sobre a mesa os últimos avances científicos en ciberseguridade, presentáronse perspectivas e enfoques innovadores en privacidade dixital e destacáronse produtos e servizos de valor para a sociedade. Ademais, serviu como punto de encontro entre a rede innovadora e profesional.

Para esta oitava edición do encontro, os organizadores, que contaban co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), levaron a cabo:

•Dúas charlas con relatoras de recoñecido prestixio internacional neste ámbito: Mordechai Guri, experto informático e investigador en seguridade; e Carmela Troncoso, doutorada na KULeuven e Associate Professor na Escola Politécnica Federal de Lausana (Suíza).

•Dez sesións nas que se presentaron traballos seleccionados.

•Dúas mesas redondas: unha sobre tecnoloxías disruptivas e o rol da ciberseguridade e a outra sobre o horizonte en tecnoloxías cuánticas.

Gozando de todas as actividades programadas e compartindo ideas innovadoras, Plexus Tech estivo representado por un gran equipo formado por Yago González Rozas, director de Innovación, Gonzalo Castro García, director de IT, e Lucía Sande Alonso, da área de Innovación.

A nosa delegación gozou ao máximo a experiencia, sacando conclusións para os proxectos da compañía. Nesta liña, as presentacións realizadas achegaron interesantes visións, por exemplo, sobre o procesamento de textos en linguaxe natural ou a posibilidade de detectar con Intelixencia Artificial situacións de risco de pederastia ou trata de persoas.

Ademais, dentro da súa participación e patrocinio das JNIC 2023, Plexus Tech tamén tivo a honra de apoiar un dos eventos estrela da cita. A compañía tecnolóxica ofreceu o relatorio estelar de Carmela Troncoso, unha das mulleres máis influentes no mundo da tecnoloxía.

A profesora da EPFL, onde lidera o grupo de investigación ‘Spring’, analizou en ‘Privacidade por deseño: do papel á práctica’ as distintas interpretacións da filosofía privacidade por deseño en sistemas dixitais. A investigadora, con traballos galardoados a nivel europeo, abordouno desde un punto de vista técnico. A través de exemplos, expuxo como é posible utilizar tecnoloxías deseñadas para mellorar a privacidade (Privacy Enhancing Technologies) e combinalas en sistemas que permiten funcionalidades complexas, sen necesidade de colleitar nin procesar datos.

Dar un paso atrás é a clave para alcanzar os obxectivos de privacidade, confirmou nos primeiros minutos do relatorio. Nela, a enxeñeira viguesa fixo fincapé en algo que desde a contorna empresarial e que ás veces se esquece: “O obxectivo é a protección, a privacidade é o medio para conseguilo”.

Nesta liña, a palabra protección toma forma física nos proxectos desenvolvidos polo laboratorio SPRING, que lidera, da Escola Politécnica de Lausanne. O centro encargouse de dixitalizar as misións humanitarias da Cruz Vermella, garantindo a seguridade de poboacións vulnerables. A autenticación contra tarxetas en lugar de contra persoas e o almacenamento de etiquetas por período, foi a solución deseñada polo equipo de Troncoso. Con este reto, durante un ano analizou tanto as condicións nas que se realizan as campañas humanitarias como os medios dos que dispoñen as poboacións coas que colaboran.

Tras este estudo, sinalou, chegaron á conclusión de que un deseño a medida da finalidade é o que garante a confiabilidad do sistema. Esa idea debe imperar, apuntou, aínda que o paradigma económico do crecemento continuo tente impoñerse sobre as tecnoloxías. Débese protexer ese obxectivo por encima da reutilización de sistemas, coa implantación sobre eles de novas funcionalidades, así como da produtividade dos ciclos iterativos das tecnoloxías áxiles. “A privacidade como minimización de datos é política. Non debemos orientarnos nos datos, senón na finalidade do sistema”, concluíu.


Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies