O Clúster TIC Galicia, que representa o sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, adheriuse ao sistema de difusión de ofertas de traballo posto en marcha pola Xunta co que se busca conectar oferta con demanda laboral para dar resposta ás vacantes do mercado de traballo. Tras a sinatura do protocolo de adhesión a esta iniciativa do Goberno galego, o Clúster TIC poderán achegar as súas ofertas de traballo ás oficinas de emprego de Galicia, mellorando, deste xeito, o seu papel intermediador.
A adhesión a este sistema busca casar oferta de postos coa demanda para favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e de que as persoas demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional.
A Xunta de Galicia está a traballar para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os seus servizos de emprego ás persoas traballadoras e ao tecido empresarial. Tamén busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade laboral da cidadanía, polo que está a avogar pola cualificación profesional ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral e dunha orientación e asesoramento personalizado.
A Administración autonómica está a levar a cabo está actuación no marco da modernización tanto das oficinas de emprego -investindo en equipamento, realizando obras de mellora e adquirindo novas infraestruturas, para o que se están a destinar este ano máis de 3 M€- e na súa dixitalización.
Así mesmo, está a implementar nas oficinas de emprego unha nova ferramenta tecnolóxica EMi (Emprego Intelixente), baseada na intelixencia artificial, que permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público. Trátase de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada para favorecer a xeración de máis e mellor emprego en Galicia.
Nesta mellora do Servizo Público de Emprego de Galicia, este 2023 tamén se está a impartir formación ás persoas traballadoras destas dependencias e se consolidará o servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial, composto por 136 novos profesionais.
Comments