O Clúster TIC Galicia e a Xunta avanzan na elaboración do Plan director da industria das TIC

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia e a Xunta avanzan na elaboración do Plan director da industria das TIC


  • Permitirá mellorar a competitividade, a internacionalización, a sustentabilidade e a innovación industrial

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asinaron hoxe un convenio de colaboración para avanzar na elaboración do Plan director da industria das TIC

Tras a firma do acordo, a conselleira recordou que os plans directores son instrumentos da planificación da política industrial enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo “facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega”, dixo.

Neste marco, subliñou que o convenio asinado por importe de 60.000 euros “permitirá levar a cabo diversas actuacións para colaborar na elaboración, aprobación e publicación do plan director das TIC”, sinalou.

Así, realizarase un estudo detallado do ecosistema autonómico, nacional e internacional da industria das TIC mediante un sistema de bases de datos con información de empresas, mercados e industrias para analizar as tendencias deste sector; formaranse mesas de traballo e impulsaranse instrumentos financeiros públicos que apoien a implementación das diferentes medidas recollidas no plan director.

A industria das TIC é un dos seis sectores industriais, xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira e a loxística industrial, que a Xunta declarou estratéxicos en febreiro de 2024 e que inclúen a redacción doutros tantos plans directores.

Folla de ruta

Durante a sinatura do convenio, Lorenzana lembrou que o Goberno galego xa está a ultimar os plans directores da automoción e o naval, que abranguen desde a formación, ata a internacionalización, os investimentos ou a innovación.

Neste sentido, subliñou que estas follas de ruta inclúen as medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento. Deste xeito, trátase de contar cun instrumento consensuado e que dea unha resposta real ás necesidades de cada sector, co obxectivo de acompañalo durante o seu proceso de transformación.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies