O Clúster TIC Galicia amosa o seu apoio aos proxectos SinerxIA e StarTIC no marco das súas liñas de impulso ao emprendemento

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia amosa o seu apoio aos proxectos SinerxIA e StarTIC no marco das súas liñas de impulso ao emprendemento


No marco das liñas de impulso ao emprendemento que mantén o Clúster TIC Galicia na Comunidade, a entidade vén de amosar o seu apoio aos proxectos SinerxIA e StarTIC, que se están a desenvolver nas cidades da Coruña e Vigo, respectivamente, co obxectivo de atraer talento e potenciar o crecemento do ecosistema tecnolóxico galego. 

Este respaldo manifestouse a través de sendas cartas de apoio para as diferentes propostas, dirixidas ao Comité de Selección de Operacións Feder da Fundación Incyde, que deu a coñecer a súa resolución o pasado mes de agosto, adxudicando con carácter provisional axudas do Feder a ambos proxectos:

  • StarTIC, incubadora de  alta tecnoloxía de impulso ao sector TIC en Vigo

StarTIC é un proxecto da Zona Franca de Vigo, en colaboración con Gradiant e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa para situar no complexo de López Mora, propiedade do propio Consorcio. Este centro dotarase de equipamento tecnolóxico que se poñerá ao dispor das startups. Ademais, o proxecto desenvolverá accións específicas de incubación, aceleración, transferencia de tecnoloxía e mellora da competitividade para as empresas incubadas. 

O Clúster TIC Galicia convidou á Fundación Incyde a considerar favorablemente a financiación e o respaldo “a este proxecto transformador, que sen dúbida contribuirá ao logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible e á promoción da economía na nosa rexión”, segundo expresou na súa carta. 

“O Clúster TIC Galicia, cuxo obxectivo fundamental é sumar, coordinar e dinamizar os esforzos para incrementar a competitividade, a innovación, a saída a novos mercados e a cooperación coas administracións, empresas e institucións dentro do sector tecnolóxico de Galicia, quere facer constar o seu apoio ao proxecto e a prestar apoio ás startups que participen no programa de incubación StarTIC”, sinalou na misiva.

As actividades a desenvolver levaranse a cabo en coordinación coas entidades promotoras e como parte da programación da "Acción 2: Posta en marcha da incubadora de alta Tecnoloxía de impulso ao sector TIC". Estas actividades teñen un gran valor para as empresas incubadas, xa que contribuirán significativamente ao seu crecemento e consolidación.

A colaboración proposta fomentará unha sinerxía efectiva entre todas as partes involucradas, potenciando o impacto positivo do proxecto no ecosistema empresarial da rexión. En concreto, o Clúster TIC Galicia comprométese ás seguintes accións:

- Difundir as iniciativas e convocatorias da incubadora.

- Coordinar accións e proxectos entre as entidades asociadas ao Clúster e as startups incubadas.

  • Incubadora de  Alta Tecnología en IA SinerxIA

SinerxIA é unha incubadora de alta tecnoloxía en Intelixencia Artificial (IA), promovida pola UDC co apoio do Igape, nunha das naves da Cidade das TIC. O Clúster TIC Galicia convidou á Fundación Incyde para que considerase con carácter favorable a financiación e o respaldo a este proxecto como un centro que "aumentará a transferencia de coñecemento e tecnoloxía a empresas, incrementará o emprendemento innovador e axudará a agrupar aos principais actores que desempeñan un papel importante no desenvolvemento de novas infraestruturas, servizos e produtos con base en IA", sinalaba na carta.

“Queremos asumir o compromiso de colaborar de maneira activa nesta iniciativa, para facilitar o impulso e dinamización das actividades da Incubadora e contribuír a afianzar o ecosistema empresarial dixital da cidade e a súa contorna”, continuaba.

A relación entre o Clúster TIC Galicia e os servizos ofrecidos pola Incubadora sinerxIA servirán para conectar ambos ecosistemas e xerar iniciativas innovadoras entre empresas consolidadas e startups nas que implementar as solucións desenvolvidas baixo o ámbito de actuación do proxecto.

Neste sentido, a entidade amosou a súa dispoñibilidade para apoiar e promover as accións e actividades de sinerxIA entre os seus asociados e entidades relevantes do ecosistema de innovación de Galicia.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies