O Centro de Servizos Avanzados licita por 4,3 millóns de euros as obras de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC

Silvia Camesella,

O Centro de Servizos Avanzados licita por 4,3 millóns de euros as obras de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC


As firmas aspirantes a efectuar  a remodelación do CSA da antiga Fábrica de Armas poderán presentar as súas  propostas ata o 5 de outubro

O respecto ao espazo  fabril, o emprego de materiais de proximidade e a sostibilidade e a eficiencia  enerxética serán claves na renovación do edificio 

IMATIA, cinfo, ITG, Xoia,  Enxenio, ODEENE, Tokiota, Dataspartan, Soslife7 e Itelsis serán as primeiras  empresas en instalarse nesta superficie

O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, liderado polo Clúster TIC Galicia e a Universidade da Coruña (UDC), vén de publicar as bases da licitación das obras de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC cun orzamento de 4,3 millóns de euros.

As empresas aspirantes terán 45 días naturais, dende o día seguinte á publicación da licitación, para presentar as súas propostas. Unha Comisión de Selección, integrada por representantes da Sociedade do Centro de Servizos Avanzados (CSA), que lideran o Clúster TIC Galicia e a UDC, será a encargada de resolver este proceso.

Para a adxudicación valoraranse distintos criterios, como o persoal adscrito, o informe de coñecemento do proxecto, acreditar ter realizado traballos similares previamente, a oferta económica ou o prazo de execución, aos que se lles atribúe unha ponderación específica. Así mesmo, nos pregos do concurso establécense distintas obrigacións en materia medioambiental, social, laboral e de transparencia, entre outras cuestións, que os candidatos deberán cumprir.

A previsión é que, unha vez adxudicado e formalizado o contrato, as obras de rehabilitación da nave 2 comecen en novembro deste ano, cun prazo de execución de 9 meses, de forma que en setembro de 2022 entre en funcionamento o Centro de Servizos Avanzados. En canto ás naves adicionais, a súa apertura prevese no segundo semestre de 2022, aínda que a data concreta confirmarase o 30 de outubro do presente ano.

Arqueoloxía  industrial

O arquitecto da obra, Carlos Pita, califica a rehabilitación integral do CSA “case como un labor de arqueoloxía industrial”, en referencia ao respecto do espazo fabril preexistente. Esta conservación pretende manter o valor patrimonial do edificio e ao mesmo tempo busca reducir o consumo de enerxía que implicarían as accións de derrubamento, evitando ademais a xeración de cascallos.

Nesta mesma línea, co propósito de diminuír a pegada de carbono, os materiais que se empregarán na obra serán de proximidade, isto é, adquiridos a empresas locais galegas, e serán fundamentalmente madeira contralaminada (CLT) e laminada, cerámica e termoarxila.

A eficiencia enerxética e a sostibilidade tamén serán claves no futuro Centro de Servizos Avanzados. Para evitar o aumento da temperatura que xerarán o amplo volume de equipos e persoal presentes no edificio, instalarase un sistema de activación da estrutura que garantirá un nivel de calor estándar durante todo o ano duns 22 graos.

Así mesmo, realizarase unha renovación constante do aire e establecerase un sistema de instalación de consumo enerxético reducido, con luces led e fontes de auga para eludir o consumo de auga mineral embotellada. Todas estas medidas revertirán nunha construción cun baixo impacto ambiental ao longo do seu ciclo de vida.

Primeiras  arrendatarias

As primeiras firmas en instalarse nas oficinas do CSA, serán IMATIA, cinfo, ITG, Xoia, Enxenio e ODEENE. Por outra banda, Tokiota, Dataspartan e Soslife7 formarán parte do espazo de coworking e Itelsis instalarase no Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, mentres que Denodo ocupará a primeira nave adicional.

As entidades ás que non se lles asignou espazo na resolución de empresas que ocuparán o CSA, integraranse nas naves 3, 4 e 5 adicionais a acondicionar, conservándoselles a posición e puntuación conseguidas neste proceso.

Espazo de  encontro

O CSA terá unha capacidade aproximada de 5.000 m2 nas súas diferentes plantas, repartidos entre oficinas (2.627 m2) e 2.069 m2 nos que se situarán catro laboratorios de innovación, showroom, aulas e zonas comúns (cafetería, coworking, área de descanso, etc.), e nos que destacará unha estrutura de madeira, de máis de 400 m2, que reforzará o baleiro da nave central. Estes espazos contarán cun deseño de libre compartimentación, tamén chamados espazos acordeón, que permitirán aumentar e reducir os ambientes en función das necesidades.

O Centro de Servizos Avanzados será un lugar de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos. Está integrado no Hub Dihgigal, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), o Clúster Alimentario de Galicia Aclunaga e o Clúster TIC Galicia.

Este primeiro edificio formará parte dos 127.000 m2 da antiga Fábrica de Armas na que se instalará a Cidade das TIC, un parque tecnolóxico no que a Xunta de Galicia comprometeu 4,82 millóns de euros, ademais da inclusión do proxecto entre os candidatos para optar aos fondos Next Generation por unha contía de 55 millóns de euros.

Toda a información relativa á licitación das obras do CSA pode consultarse na páxina web do proxecto www.cidadedastic.gal.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies