Máis de 350 profesionais déronse o venres 20 de outubro en “IA e Empresa”, o primeiro evento tecnolóxico que vén de inaugurar a axenda do Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC. No discurso de apertura do edificio, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, incidiu en que o CSA xurdiu da necesidade da unión do sector nun mesmo espazo, dotado dos máis avanzados equipos de adestramento de intelixencia artificial “abertos a todas as empresas” para que se “creen produtos de IA made in Galicia”.
Precisamente, esta tecnoloxía e o big data centraron a xornada, na que reputados expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Teléfonica afondaron en como a intelixencia artificial se está a introducir de forma práctica nas grandes corporacións, nas tendencias do mercado neste campo ou no impulso da aprendizaxe permanente para capacitar a persoas e empresas na súa transición dixital.
Os presentes escoitaron as intervencións de Alberto Pan e Daniel Lender, CTO e CFO de Denodo, Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, David Pereira, Head of Data & Intelligence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, Ravin Dhalani, CIO no Grupo MásMóvil, e o relatorio de peche da xornada, a cargo de Chema Alonso, membro do Comité Executivo e CDO de Telefónica.
Motor de crecemento
Con carácter previo ao evento, Antonio del Corral fixo un breve percorrido pola historia do CSA, cuxa idea comezou a xestarse en 2018. Destacou o amplo respaldo que recibiu a iniciativa dende o comezo por parte das empresas tecnolóxicas, administracións (Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Ministerio de Defensa), a Xunta, a través do Igape, e a Universidade da Coruña, conscientes de que o sector TIC é un dos principais motores de crecemento da economía, acelerado pola pandemia.
Este primeiro edificio, de 5.000 m2, dos oito previstos para formar parte do hub dixital, “é, desde hoxe, o portelo único do sector en Galicia”, aseverou del Corral. Ademais da IA, o Centro de Servizos Avanzados conta con equipos de procesamento multimedia e de creación de dispositivos electrónicos e dispón de servidores e elementos de demostración para que os potenciais clientes poidan coñecer toda a oferta tecnolóxica da comunidade nunha soa visita.
“A nosa proposta é que o CSA contribúa a acelerar todas as actividades de innovación galegas, xa que todos os beneficios que xere, vanse investir en desenvolver máis tecnoloxía”, indicou. Ademais, del Corral deixou claro que o edificio non é do Clúster, nin do CSA: queremos que sexa de todo o sector tecnolóxico de Galicia e que sexa parte da nosa casa común.
Talento e formación
O sector TIC en Galicia supón ao redor do 3% do PIB, unha porcentaxe freada pola “falta talento e formación, así como a soberanía tecnolóxica”, afirmou del Corral. Neste sentido, subliñou os programas de formación impulsados dende a Consellería de Promoción do Emprego, en colaboración co propio Clúster TIC Galicia, formando a máis de 10.000 alumnos a través de 500 cursos entre 2022 e 2023. “O principal investimento das TIC é o talento e a formación avanzada en tecnoloxías é sinónimo de emprego para toda a vida”, precisou.
Comentarios