Lara García, CEO de Drakkar Ship Tech: "O meu obxectivo é mellorar a calidade de vida dos tripulantes de buques"

Silvia Camesella,

Lara García, CEO de Drakkar Ship Tech: "O meu obxectivo é mellorar a calidade de vida dos tripulantes de buques"


O lema de Drakkar Ship Tech, o primeiro marketplace de provisións para buques, é Bringing the world to your ship. Detrás desta declaración de intencións está Lara García Yáñez, unha moza de 27 anos graduada en Náutica e Transporte Marítimo que participou no programa de incubación Node Hub, cuxo Demo Day se celebrou o pasado mes de setembro.

"O meu obxectivo é mellorar a calidade de vida dos tripulantes de buques. Creo que o seu papel na sociedade é imprescindible e son uns grandes esquecidos. Quero achegar a vida que levamos en terra ás tripulacións”, revela. Precisamente, esta aspiración foi o punto de partida do seu proxecto Drakkar Ship Tech.

O seu público obxectivo céntrase en armadores e tripulación de calquera embarcación que arribe a portos galegos. "Agora mesmo, as compras de produtos básicos, técnicos e servizos en buques de transporte de mercadorías e de pasaxeiros fanse a través de email e chamadas; non hai plataformas dixitais á súa disposición para realizar este aprovisionamento, o que supón un acceso limitado ao estritamente necesario", explica.

Desta necesidade xurdiu a súa marketplace Drakkar Ship Tech, que pretende cubrir esta demanda difícil de resolver durante a travesía e limitada polo tempo en porto. A idea foi xestándose e Node Hub, a incubadora impulsada por Incibe Emprende e o Clúster TIC Galicia, deulle o "empuxón" que necesitaba.

O programa permitiulle coñecer de preto como funcionan as empresas actualmente, cal é o enfoque e a xestión dos CEOS. "Do meu pai aprendín que hai valores que non se poden esquecer e de Node Hub, que hai prácticas que se deben renovar, apoiándonos na tecnoloxía", sinala.

Actualmente está a ultimar o e-commerce, o seu Produto Mínimo Viable (MVP) para demostrar que a compra en liña ten cabida no sector marítimo, "aínda moi verde tecnoloxicamente", apunta Yáñez. O obxectivo agora está posto en decembro, onde a moza calcula que se efectuará a primeira venda en liña. "Será un antes e un despois para min", confesa.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies