Juan de Dios: "A innovación non sempre está na tecnoloxía ou no produto, senón no modelo de negocio e no seu propósito"

Silvia Camesella,

Juan de Dios: "A innovación non sempre está na tecnoloxía ou no produto, senón no modelo de negocio e no seu propósito"


Juan de Dios e Matías Núñez fundaron Human Experiencie Hub en Buenos Aires (Arxentina) no ano 2022. Trátase dun proxecto de educación dixital para formar, a través de contidos de calidade e leccións prácticas, Design Thinkers, isto é, profesionais de deseño de produtos dixitais con habilidades creativas e criterio propio para resolver problemas, deseñando experiencias innovadoras, centradas nas persoas. 

"O obxectivo era dar resposta á falta de programas formativos de deseño de produto con retos laborais reais aos que te soes enfrontar cada día nunha empresa que oferta este tipo de servizos", explica Juan de Dios. Esta idea empezou a cobrar forma en 2023 e colleu o impulso definitivo recén chegados a Galicia, tras o seu paso pola incubadora NodeHub, posta en marcha polo Clúster TIC en colaboración con Incibe Emprende.

Ademais deste factor diferenciador respecto a outras  plataformas de formación, en Human Experiencie Hub organizan aos estudantes, denominados "Hubers", en grupos reducidos desde o primeiro día, simulando un equipo real de traballo; dispoñen de “Heads” e “Leads” de cada unha das especialidades de Deseño UX (UI, Writing, Research, etc.) e os alumnos teñen que presentar os seus proxectos perante un xurado experto que ten que dar o seu feedback. 

Outro dos propósitos deste proxecto era unir Galicia e Arxentina a través da formación de profesionais do deseño de produtos dixitais. "Actualmente apuntamos a persoas das zonas rurais galegas que desexen formarse desde casa, e traballar en tecnoloxía sen renunciar á súa contorna e sen sentirse excluídas se non teñen un perfil 100% técnico. Outro nicho ao que estamos a apuntar é a arxentinos descendentes de galegos que desexen formarse da mesma maneira e ir coñecendo as particularidades do mercado IT español para poder sumarse á forza laboral de España", sinalan os fundadores de Human Experience Hub.

Aprendizaxes de NodeHub

Como principais aprendizaxes de NodeHub, Juan de Dios destaca a importancia de ter definido o modelo de negocio, a necesidade de establecer roles e responsabilidades de forma clara, dispoñer de un roadmap de experimentos para validar a idea ou manter unha estratexia de comunicación acorde ao produto. Non obstante, como principal lección do programa subliña "que a innovación non sempre está na tecnoloxía ou no produto en si, senón no modelo de negocio e no seu propósito".

Actualmente están á procura de financiación para poder dar o salto definitivo: comezar a aportar valor ás comunidades rurais do sur de Galicia e desembarcar totalmente en España. Este primeiro paso, esperan cumprilo no primeiro semestre de 2025. "A nosa idea é que Human Experience Hub - Rías Baixas esté operativo nos vindeiros seis meses", precisan.


Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies