Zona Franca e INEO impulsan as novas tecnoloxías no ámbito empresarial

Zona Franca e INEO impulsan as novas tecnoloxías no ámbito empresarial


Fonte: Ineo

O Consorcio da Zona Franca de Vigo e INEO unirán esforzos para impulsar o desenvolvemento da Sociedade da Información no ámbito empresarial. María Teresa Pisano, Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo e Jorge Cebreiros, Presidente de INEO, asinaron un convenio de colaboración que establece a cooperación de ambas as dúas entidades no marco do Plan Estratéxico para o Sector Produtivo das TIC.

O convenio dá continuidade ás accións conxuntas para mellorar a competitividade do tecido produtivo. Nesta liña, o Consorcio con Ineo e outras entidades presentouse ao programa POCTEP (Programa de Cooperación transfronteiriza España-Portugal), no marco de axudas INTERREG IIIA co proxecto Competinova, cuxo obxectivo é o fortalecer as pemes da Eurorrexión baseándose na innovación.

Co novo convenio, INEO eríxese socio tecnolóxico prioritario da Zona Franca de Vigo e, ademais, a Delegada convértese en membro do Consello Consultivo da organización. O acordo impulsará no próximos tres anos a Sociedade da Información e o sistema produtivo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia. Para iso, ambas as entidades colaborarán no desenvolvemento de servizos de valor engadido que melloren a competitividade do sector TIC galego.

Entre os proxectos que se realizarán destaca a promoción entre as 289 empresas inscritas na Rede de Parques Zona Franca de Vigo das capacidades, produtos e servizos das empresas TIC, para aplicar aos modelos de negocio as vantaxes da cooperación empresarial, as solucións de software máis innovadoras e a filosofía de rede 2.0. Prestarase tamén apoio estratéxico ao deseño da Rede Social do Sistema Produtivo das TIC en Galicia, que pretende identificar focos de innovación, creatividade e talento nas empresas tecnolóxicas, para pór en valor este sector produtivo.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies