“Temos un plan de innovación para desenvolver 16 produtos, e algúns xa son realidade”

“Temos un plan de innovación para desenvolver 16 produtos, e algúns xa son realidade”


Investir no desenvolvemento de produto propio ten os seus riscos, pero compensa cando este está no mercado. Así o cree Juan Carlos Suárez, membro do grupo de traballo de Innovación e Demanda Temperá do Cluster TIC Galicia e director xeral de de Level Telecom. Á fronte desta enxeñaría compostelá, aposta forte por crear solucións punteiras para os servizos socio-sanitarios e o sector enerxético coas que poder competir en mercados globais. A internacionalización está en marcha.

Level Telecom preséntase como unha compañía que ofrece solucións TIC a un amplo abano de sectores, pero cales son as liñas de negocio principais?

Actualmente estamos focalizados en dous: o Socio-sanitario e a Enerxía. No primeiro caso, abordamos proxectos onde a tecnoloxía se orienta a favorecer e facilitar a vida as persoas que máis o necesitan: persoas maiores ou con algunha limitación funcional. As nosas solucións tecnolóxicas asistenciais son aplicables tanto en domicilios coma no ámbito hospitalario, en xeriátricos e en centros de maiores. Trátase de sistemas de localización indoor, control de actividade das persoas a través de redes sensoriais, equipos de tele-asistencia fixa e móbil, así como sistemas de chamada de enfermaría, entre outras solucións. En canto á segunda liña, dispoñemos de solucións sectoriais de optimización enerxética. Ofrecemos aos nosos clientes un servizo integral: auditoría, implantación das medidas de aforro, ferramenta de control, seguimento e eficiencia, e monitorización do aforro.

Level Telecom desenvolve tanto solucións coma produtos propios. Como se afrontan retos tan complexos?

Efectivamente, tanto nas dúas liñas de negocio comentadas anteriormente coma en proxectos de mobilidade dispoñemos de produto propio desenvolvido integramente en Galicia, dende o deseño electrónico ata a fabricación. Principalmente, produtos de comunicacións profesionais con diferentes tecnoloxías móbiles, con interfaces e funcionalidades moi específicas, e co obxectivo de cubrir ocos detectados no mercado. É certo que o desenvolvemento de produto é un proceso complexo e cunha importante compoñente de risco, pero tamén é certo que todo se compensa cando o produto está rematado e posto no mercado profesional. Actualmente, algúns dos nosos produtos están homologados en operadores a nivel global, o que supón un recoñecemento á calidade técnica e, o que é máis importante, dispoñer dunha canle de venda de gran magnitude.

Toda a innovación está orientada ao desenvolvemento de produto?

Así é. Estamos a levar a cabo un plan interno de innovación, soportado tanto por financiamento propio como a través de diferentes liñas de subvención da Xunta e do CDTI, que supón un investimento dun millón e medio de euros para o período 2010-2014, co que imos desenvolver 16 produtos. Algúns deles xa son unha realidade. Sabemos que manter estes números de investimento nos tempos actuais é unha tarefa difícil, pero o posicionamento esperado como consecuencia destes investimentos xustificao. Investimos en D+i unha porcentaxe superior á media do sector. O noso obxectivo é afianzarnos en Socio-sanitario e Enerxía con solucións de valor e produto propio, e poder así afrontar con certas garantías mercados globais.

Iso quere dicir que Level Telecom está a pensar na internacionalización...

Así é. Se non o estivésemos a facer, estariamos a virar as costas á realidade. Hoxe en día, aquelas empresas que non teñan visibilidade cara ao exterior estarán poñendo en serio risco a súa viabilidade. Nós xa exploramos a algúns mercados, pero a idea é posicionarnos nos próximos tres anos en tres mercados concretos que xa identificamos. A Administración está a ofrecer diferentes medios e ferramentas para facilitar a internacionalización e minimizar o impacto que un proceso deste tipo supón para as compañías, e iso hai que aproveitalo.

Que porcentaxe de negocio teñen actualmente fóra de Galicia?

Actualmente, Level dispón de oficinas de desenvolvemento de negocio en Madrid e o País Vasco. No 2011 o noso negocio fóra da comunidade autónoma supuxo o 35% da facturación, e a previsión para este ano é que esta porcentaxe se incremente. Estamos convencidos de que se pode ser moi competitivo dende Galicia, porque temos profesionais, centros tecnolóxicos e estruturas que permiten desenvolver esa competitividade.

Level Telecom
está no grupo de traballo de Innovación e Demanda Temperá. Pode explicar que encerra este concepto e que importancia ten para o desenvolvemento do sector TIC?

Level está representada no grupo dende que se formou. É un grupo moi activo e con máxima implicación por parte de todos os seus integrantes. Basicamente, a demanda temperá consiste en detectar as necesidades dun sector no curto-medio prazo e identificar as tecnoloxías existentes ou a desenvolver para cubrir esas necesidades. Desta forma, coñécense con certeza e antelación as necesidades do mercado, o que permite optimizar a planificación e minimizar os riscos. Neste sentido, algunhas administracións públicas promoven a demanda temperá de produtos e servizos como parte das súas políticas de contratación. No que se refire ao impacto no sector TIC, vai ser moi importante, primeiro porque é unha oportunidade para que moitas empresas poidan ver na demanda temperá un encaixe ás súas tecnoloxías innovadoras, e segundo porque fomenta a especialización.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies