Fundada en 2004 por xente nova formada na Universidade de Vigo e con sede principal en Ourense, Redegal ofrece servizos de consultoría de sistemas e software á medida. Especialista en comercio electrónico, sumou recentemente ao seu catálogo o desenvolvemento de aplicacións para IOS, Android e Windows Phone, e dende xaneiro é partner do xigante de Sillicon Valley para distribuír Google Apps. O seu conselleiro delegado, Jorge Vázquez González, quere que Redegal se converta en "un referente a nivel nacional".
Redegal conseguiu consolidarse nun sector no que a competencia é moi forte. Cales foron as claves que o fixeron posible?
Hai dúas claves principais, a primeira é a xestión, é dicir, levar ben os números, controlando o fluxo de caixa e a rendibilidade dos proxectos. A outra é a especialización, tanto nas liñas de negocio, coma nas ferramentas que utilizamos. Desta forma, podemos ser máis eficientes nos proxectos.
Cales diría que son os valores diferenciais da marca Redegal?
A experiencia acumulada, posuír un equipo humano comprometido e en constante formación, a innovación e a paixón pola evolución. Estes valores transmítense constantemente aos nosos clientes, cos que mantemos unha relación permanente e de longo recorrido.
A que sectores pertencen os seus principais clientes?
En comercio electrónico, os nosos principais clientes pertencen ao sector fashion retail, pero en xeral temos moitos clientes de retail. En canto a aplicacións para smartphones e tablets, temos unha ampla amálgama de clientes que van dende axencias de marketing, administracións públicas, operadoras de telecomunicacións, empresas de formación e outras empresas TIC.
Que significa na traxectoria de Redegal, a apertura da oficina de Vigo que efectuaron o pasado mes de xaneiro?
Responde a dúas cuestións principais. Por un lado, a crear sinerxías co tecido empresarial da cidade, tanto do noso sector coma doutros. Por outro lado, responde a temas de recursos humanos para o proxecto Redegal.
Que volume de negocio teñen fóra de Galicia?
Actualmente a porcentaxe de facturación fóra de Galicia rolda o 15 por cento. Son datos de 2011. Para este ano esperamos que chegue ao 35 por cento.
Pensan desenvolver plans de internacionalización a curto ou medio prazo?
A curto prazo temos un plan de "nacionalización", coa apertura dunha oficina comercial en Madrid. Na actualidade estamos a axudar moitas empresas a internacionalizarse, o que nos obrigou a "localizar" para diferentes países moitos dos nosos produtos, polo que a medio prazo non descartamos a internacionalización, co punto de mira en Latinoamérica.
O corazón do negocio de Redegal xira en torno ao software libre. Que futuro lle augura e que papel teñen as administracións na súa promoción?
A implantación de software libre está crecendo ano a ano e, sen dúbida, achegou desenvolvemento tecnolóxico, negocio e satisfacción aos usuarios e desenvolvedores. Polo tanto, non podo máis que augurarlle un gran futuro. Os usuarios perderon o medo a utilizalo, tanto a nivel persoal coma a nivel profesional. Aademás, en tempos no que todos temos que reducir gastos, as empresas buscan solucións de software libre. En canto ás administracións, creo que o seu principal papel para promover o software libre é empregalo, e non só pola promoción, senón tamén polo aforro de custos que supón.
O Cloud Computing e a Virtualizacón son terreos de xogo nos que compite Redegal. Que percorrido cre que seguirá tendo este tipo de solucións? Pode ser a seguridade un problema?
O percorrido do Cloud Computing e a Virtualización é imparable. Máis alá de termos que están de moda, son unha nova forma de utilizar a tecnoloxía acorde aos tempos que corren, onde a mobilidade e o uso de dispositivos moi variados obrigan á adopción destas tecnoloxías para ser máis produtivos. En canto á seguridade, a información nunca estivo máis segura. Os grandes CPDs que aloxan os datos para proporcionar servizos en Cloud son os máis seguros. Moito máis que ter o servidor cos datos na oficina, co que iso implica. Agora ben, o problema podería radicar no acceso a esa información, xa que se realiza dende moitos dispositivos. Pero adoptando as medidas necesarias, non habería problema.
En que momento se encontra o mercado do desenvolvemento web? Supoñen verdadeiramente un problema as empresas que ofrecen produtos de escasa calidade e baixo prezo?
O mercado do desenvolvemento web segue crecendo e cada vez a competencia é maior. O que vexo é que se foi segmentando e case poderiamos dividilo en dous. Os que buscan unha solución de baixo custo, para o cal hai solucións que adaptándote a certos patróns ofrecen un produto de calidade aceptable e, por outro, os que buscan un compañeiro de viaxe no mundo web, é dicir, alguén capaz de asesoralo, planificar estratexias, etcétera. Natualmente, estas funcións teñen un custo, pero os resultados non teñen nada que ver, sobre todo cando falamos de desenvolvemento web enfocado á venda.
Os fundadores de Redegal formáronse na universidade de Vigo e hoxe a empresa ten unha colaboración activa con esta institución académica, participando no Máster de Software Libre que imparte. Cre que, en xeral, hai unha boa conexión entre o mundo da universidade e o da empresa?
A relación universidade-empresa, en xeral, creo que é boa. No noso caso, colaboramos activamente non só no apartado formativo senón en proxectos conxuntos que, para que teñan éxito, é necesario encontrar un perfil de investigadores axeitado e motivalos. Dende o meu punto de vista faría falta, en canto ás posibilidades de mellora, simplificar e dar a coñecer as canles de comunicación entre universidade e empresa.
Como se imaxina Redegal dentro de cinco anos?
Pois cumprindo o obxectivo que nos propuxemos ao apostar pola especialización, que é ser un referente a nivel nacional en proxectos de e-commerce, ademais de poder apoiar e participar economicamente en novas startups que sexan complementarias ás nosas liñas de negocio actuais e futuras. Así mesmo, gustaríanos ir máis alá na colaboración que temos con outras empresas do sector TIC e outros sectores afíns para contar cunha aceleradora de proxectos, compartindo oficinas, aprendendo e colaborando xuntos.
Comments