- Nunha declaración trasladada á Presidencia da Xunta, o Cluster TIC Galicia asegura que a economía de subsistencia que ten imperado en Galicia non pode ser o modelo para a implantación das novas tecnoloxías.
- Defende que potenciar a capacidade exportadora de produtos de valor engadido debe ser un obxectivo prioritario, apoiado polo Goberno de Galicia con todos os seus medios.
O Cluster TIC defende que Galicia debe dar un paso adiante para virar a tendencia que fai medrar a “fenda dixital”, apostando por ser líder en Europa na implantación e uso das novas tecnoloxías. Esta idea foi trasladada á Presidencia da Xunta de Galicia por medio dunha declaración na que o Cluster fixa as liñas mestas que guían o seu traballo. Neste documento, ademais, a entidade pon de manifesto o seu compromiso por facer das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) o “centro de gravidade” do modelo económico sostible que plantexan as Administracións Públicas.
Na declaración, aprobada polo seu Comité Estratéxico, o Cluster TIC documenta o importante peso do sector na economía e no emprego da comunidade autónoma, destaca que conta con empresas e profesionais cunha demostrada capacidade para a innovación e pon en valor a “transversalidade” das súas tecnoloxías, capaces de contribuir á mellora da produtividade de todos os sectores de actividade.
Indícase, ademais, que o sector está forte e conta co aval de ter superado con éxito a súa propia crise entre os anos 2000 e 2003, ofrecendo esa experiencia para contribuír á saída da complexa situación económica actual.
Con todo, o Cluster TIC advirte que “a economía de subsistencia secular que ten imperado en Galicia, derivada dunha estrutura territorial atomizada, non pode nin debe ser o modelo de referencia para a implantación das novas tecnoloxías”. En cambio, avoga por procurar un equilibrio entre necesidades e custo das inversións, e defende que “Galicia debe apostar por liderar, sobre todo no seu territorio urbano, a implantación e uso das novas tecnoloxías”, non debendo desviar recursos a establecer servizos de mínimos “nin a sustituir as responsabilidades do Goberno central para coas zonas rurais”.
A declaración remitida ao Presidente da Xunta defende tamén que “o talento e o coñecemento real do noso territorio e necesidades por parte do sector TIC debe poñerse en valor nas contratacións das Administracións Públicas”.
Cambio de rumbo
O Cluster lamenta que as políticas públicas desenvolvidas nos últimos anos en materia TIC non só non teñen producido os efectos esperados, senón que Galicia continúa a se afastar cada vez máis de España e de Europa, e asegura: “Só medidas distintas ás xeralistas e baseadas nas propostas polo noso sector poden frear este proceso e facer virar esta tendencia. Propoñemos unha Galicia urbana e comunicada internamente por transporte viario, ferroviario e marítimo, líder europea no desenvolvemento e uso das tecnoloxías TIC. Esta política fomentará a exportación e arrastrará a Galicia rural á súa modernización”.
Na súa declaración, o Cluster TIC Galicia considera que o único xeito de competir nuns mercados cada vez máis globalizados é innovar, e isto só se pode conseguir por medio da tecnoloxía. Nesta liña, asegura que “potenciar a capacidade exportadora de produtos de valor engadido debe ser un obxectivo prioritario, apoiado por todos os medios de que dispón a Xunta de Galicia”.
Comments