“Cremos no traballo en rede”

“Cremos no traballo en rede”


José Antonio Castelao Boo móstrase orgulloso de que a compañía que dirixe sexa o socio tecnolóxico elixido por importantes firmas industriais para desenvolver os seus plans de internacionalización. Un equipo profesional especializado e unha cultura empresarial baseada na innovación, a transparencia e o traballo en equipo explican o éxito de Aldaba. Son tamén ingredientes que estarían no complexo vitamínico que –desde a visión deste tecnólogo coruñés– necesita o sector TIC galego para despregar todo o seu potencial.

¿Cales son las principais áreas de traballo de Aldaba?

A nosa é unha compañía de servizos profesionais no ámbito das TIC. Centrámonos principalmente en tres áreas: desenvolvemento de software, enxeñaría de sistemas e consultaría, con equipos profesionais altamente especializados en cada unha destas áreas. En desenvolvemento de software temos unha altísima especialización no mundo .Net e en mobilidade. En enxeñaría de sistemas damos soporte remoto e monitorización a grandes infraestruturas.

¿Como sería o perfil do cliente de Aldaba?

A maioría dos nosos clientes son empresas de tamaño medio-grande. O 80 por cento son empresas galegas e principalmente do eido industrial. Somos a ferramenta de soporte para a súa internacionalización. Temos clientes con presenza ata en 16 países.

¿Traballan para as administracións?

As administracións representan unha porcentaxe moi pequena do noso negocio. Historicamente non é máis dun tres por cento. A nosa traxectoria fai que o noso tempo de traballo se adapte mellor ao sector privado, pero podemos trasladar ao sector público a eficacia de xestión do privado.

¿Cales serían as bases da filosofía de traballo da empresa?

A especialización e a transparencia. Facemos o que sabemos. O que non sabemos facer non o facemos e, ademais, dicímolo con total transparencia cara aos nosos clientes. Nós non embarcamos a ninguén en experimentos nin aventuras. O que si temos é capacidade para colaborar. Cremos no traballo en rede.

Moita xente pensa que en Galicia non é doado traballar en equipo…

É certo que nese camiño temos moito que recorrer. No noso sector tense practicado o canibalismo: se non o fago eu, que non o faga ninguén… Por sorte, iso vai cambiando. Pero a verdadeira capacidade para colaborar demóstrase cando somos quen de facelo con empresas do noso mesmo sector que poden ser competencia. Colaborar con quen non é o teu competidor é sinxelo. O reto é facelo cando unha parte da túa actividade se solapa coa do outro. Tampouco hai que confundir colaboración con dependencia. A colaboración é sempre bidireccional. O Cluster debe ser catalizador desa colaboración entre as empresas..

Logo a tendencia é positiva…

Si, pero aínda non se ten recoñecido a solvencia e profesionalidade do sector TIC galego. O noso sector é o que é: pemes nun noventa e moito por cento. Iso non ten por que ser unha debilidade, pero só seremos fortes se somos quen de colaborar, crear redes de traballo. Deberiamos reclamar o papel real das TIC galegas perante os organismos que deben ser tractores do tecido empresarial. Aínda se segue pensando que é mellor chamar aos grandes para que veñan de fóra. E moitas veces veñen cos seus grandes títulos, marchan de novo e deixan aquí o problema. E logo tes empresas galegas que teñen acometido grandes proxectos noutras comunidades autónomas a aquí seguen sen ser recoñecidas. Neste terreo o Cluster tamén ten un gran papel que xogar.

¿E en innovación? ¿Saben as empresas galegas aproveitar as oportunidades?

Para unha empresa de servizos, a innovación significa a capacidade para ser permeable ás novas tecnoloxías e ferramentas, para que iso se traduza nunha mellora de procesos. Nós participamos en importantes proxectos de I+D+i, en colaboración con outras empresas do sector e coas universidades, e iso permítenos coñecer a realidade da innovación en Galicia. Moitas veces déixanse pasar as oportunidades pero non por falta de ferramentas, senón porque as que existen non son axeitadas. Por exemplo, impoñen unha gran carga burocrática que ás veces fai difícil sacar adiante os proxectos. Con todo, hai avances importantes. A Administración ten dado un paso á fronte co programa Interconecta, ao que se presentou un número importante de proxectos. O sector tamén ten demostrado estar á altura e non dubido de que todo iso dará froitos

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies