“A internacionalización é un proceso duro, pero paga a pena”

“A internacionalización é un proceso duro, pero paga a pena”


Director xeral e copropietario de Sivsa, José Antonio Román é un empresario convencido de que a innovación, a especialización e a visión internacional son chaves para competir con éxito. Pilota unha nova etapa na súa empresa, tras un recente cambio na propiedade da sociedade e a integración con outra firma asturiana do sector, e segue mantendo un forte compromiso co Cluster TIC Galicia. É membro do Comité Estratéxico e dos grupos de traballo de Demanda Temperá e Internacionalización.

Sivsa é unha compañía con vinte anos de traxectoria e ben consolidada na prestación de servizos TIC, cal sería a súa principal nota diferencial fronte á competencia?

Sen dúbida, o que diferenza a Sivsa é o seu carácter internacional. Estamos presentes en cinco países: España, Portugal, Marrocos, Chile e Brasil Por outra parte, estamos moi especializados en administracións públicas, industria do automóbil, telcos e sanidade. Neste último terreo, somos fabricantes dunha solución para a xestión integral de hospitais que temos implantado en centros de varios países. Inclúe a xestión tanto da parte clínica como da administrativa e é un desenvolvemento tecnolóxico realizado ao cento por cento por Sivsa. A nosa carteira de clientes está formada maioritariamente por empresas de tamaño medio-grande, ademais das administracións públicas. En España, á marxe de Galicia, temos bastante negocio en Madrid e Asturias.

Que dimensión ten a empresa?

Temos uns 180 traballadores. En 2011 facturamos oito millóns de euros e a previsión para 2012 é de once millóns. Recentemente, temos iniciado unha nova etapa, ao integrar a compañía coa empresa asturiana Micro-6, ao tempo que eu e máis Arturo Rodríguez, que procede de Micro-6, nos fixemos cargo da compañía, tras o desinvestimento de Novagalicia Banco. A integración ábrenos boas oportunidades porque se trata de dous negocios moi complementarios.

Esa integración suporá un cambio de rumbo?

Non. Imos manter a liña que viñamos seguindo desde Sivsa, apostando polos nosos propios produtos e investindo neles. O que nos permitirá a integración é ampliar a nosa carteira de servizos e mellorar a nosa posición no mercado. Estamos revisando custos de estrutura, pero non vai haber cambios na estratexia.

Unha alta especialización non é un risco en momentos de contracción do mercado coma o actual?

É certo. Por iso temos en marcha un plan de diversificación co que queremos chegar a novos nichos dentro do sector industrial. O que si manteremos é a nosa orientación ao cliente de tamaño medio-grande. Foi unha decisión estratéxica que tomamos hai cinco anos, cando unicamente traballábamos no sector da sanidade, e que ven dando bos resultados, así que non imos cambiar.

Que papel ten xogado a internacionalización no desenvolvemento de Sivsa?

Absolutamente fundamental. A internacionalización é un proceso duro e que leva tempo, pero paga a pena. Nós levamos xa nove anos en Brasil e desde a nosa experiencia vemos a cantidade de traballo que hai que facer e os moitos atrancos que hai que superar cando saes das fronteiras do teu país.

Contaron con axudas?

Non tivemos moitas. Naquela época non había moito apoio por parte das administracións ás empresas que se querían internacionalizar. Hoxe é diferente. Hai unha maior sensibilidade, en concreto haina na administración autonómica galega, pero falta concretar. No Cluster estamos traballando nun plan que presentaremos ao conselleiro de Industria, porque as empresas do sector TIC galego necesitan saír ao exterior.

Outro dos cabalos de batalla do sector é a innovación. Pódese manter a inversión nesta época de recortes?

Neste momento dedicar recursos a innovación é duro, pero é imprescindible. Ou facemos innovación ou estamos mortos. As empresas estamos bastante concienciadas, pero faltan apoios e un marco de cooperación entre as empresas e a administración. Aquí tamén ten que xogar un papel importante o Cluster. Estamos traballando no asunto, pero aínda queda moito por andar.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies