Antonio Paz dirixe Estratega Consulting, una firma fundada en 2004 e especializada en consultaría estratéxica que ten un ampla experiencia de traballo no campo das tecnoloxías da información e das comunicacións e en territorios veciños, entre outros sectores. O equipo que dirixe tamén é experto en deseño de políticas industriais e ten desenvolvido un importante número de proxectos para clusters en España e América Latina. Paz fai un diagnóstico optimista do sector TIC galego, pero urxe ás empresas a aprender a lección da crise actual: é preciso diversificar en produtos e mercados. E iso, nun sector moi atomizado, pasa necesariamente pola colaboración.
En primeiro lugar diferenciámonos precisamente porque somos especialistas en consultaría estratéxica. Moitas empresas do noso sector soen facer de todo e pretenden transmitir que son especialistas en todo. Nós vendemos unicamente aquilo que realmente sabemos facer, e traballamos só con perfís sénior. Quen vende o proxecto, o verdadeiro experto nese campo, é realmente quen o fai. De feito, todos os nosos consultores teñen perfil sénior. Por fortuna, os nosos clientes están sendo capaces de ver e valorar esa diferenza na calidade dos traballos e dos seus resultados. Claro que esa decisión ten tamén para nós a súa parte negativa, xa que nos implica traballar con custes maiores que moitos dos nosos competidores, mentres que obviamente temos que competir a prezos de mercado. Pero estamos satisfeitos, xa que o resultado é que contamos con clientes moi fieis para o que soe ser habitual. De feito, apenas desenvolvemos acción comercial tradicional. A nosa verdadeira carta de presentación é o boca a boca dos nosos propios clientes.
Somos unha empresa de pequeno tamaño. Desde a fundación de Estratega no ano 2004, vemos mantendo un equipo de entre dez e vinte persoas, en función dos proxectos que esteamos a xestionar en cada momento. A nosa facturación soe estar entre un millón e un millón e medio de euros anuais.
Temos moita experiencia de traballo cos clusters. Xa temos participado tanto na posta en marcha como no desenvolvemento de proxectos estratéxicos con máis de 20 ou 25 deste tipo de entidades de España e América Latina. En termos de especialización, quizais os sectores onde levamos traballado máis sexan no naval e no audiovisual, aínda que tamén temos experiencia na madeira-moble, metal-mecánico, industria cerámica, téxtil… E, por suposto, TIC. De feito, os nosos profesionais participaron xa no ano 1999 e por encargo da Xunta de Galicia no que era practicamente o primeiro estudio sobre o sector TIC en Galicia. De igual xeito, desenvolvemos diferentes estudos sobre o sector TIC ou sobre implantación das TIC noutras rexións, como Andalucía ou Estremadura, case sempre para as Administracións Públicas con quen tamén temos un bo número de proxectos. Tratamos de apoialas no deseño, implementación e avaliación das súas políticas.
Sen dúbida, unha das grandes debilidades do tecido empresarial galego das TIC é a súa atomización, aínda que esta non sexa unha característica exclusiva deste sector. O TIC galego é un sector importante, que factura e crea emprego e riqueza pero, máis alá dunhas cantas compañías, o resto son empresas pequenas e iso dificulta o seu desenvolvemento, porque para competir cada vez é máis necesario dispor de masa crítica. Para paliar esa falta de tamaño é fundamental a cooperación, de aí tamén o importante rol que pode desempeñar o Cluster TIC. En canto ás fortalezas, citar desde logo a calidade dos profesionais. Temos profesionais moi ben formados a un custe razoable e iso danos un gran potencial para traballar onde sexa. Non temos por que ter ningún tipo de complexo. Por coñecemento, profesionalidade, experiencia e mesmo carácter estamos moi ben preparados. Só nos falla aproveitalos ben para ir abrindo novos mercados fóra de Galicia e de España.
O fundamental é ter un modelo de negocio axeitado. O que sucede moitas veces cos proxectos empresariais é que están promovidos por persoas que os orientan máis desde o punto de vista técnico ou da tecnoloxía que desde o punto de vista empresarial, cando é preciso conxugar as dúas dimensións. A excelencia técnica é precisa, pero non sempre é suficiente canto te enfrontas ao mercado, especialmente fóra do noso contorno local e de confianza. Cómpre desenvolver un modelo de negocio que ofreza un claro valor engadido que facilite tanto unha diferenciación no mercado como unha sustentabilidade interna da organización. Un proxecto coa mellor capacidade tecnolóxica pero cunha xestión puramente intuitiva dos temas financeiros, organizativos, de persoal, etcétera seguramente terá problemas. E no sector TIC, coma noutros moitos, aínda fai falla reforzar a formación en materia de xestión dos cadros directivos e dos mandos intermedios.
Ante a crise, a primeira reacción é de prudencia: refuxiarnos nas nosas trincheiras e prescindir de todo o accesorio, tratando de ser moi eficientes no uso dos nosos recursos. Iso está ben, pero o segundo paso debe ser aproveitar a parte de oportunidade que ten toda crise. O obxectivo, se é posible, debe ser saír fortalecidos. E para iso a innovación, a diversificación, a internacionalización e a cooperación creo que son claves. Obviamente, a internacionalización é un proceso que esixe varios anos de inversión sostida cando agora nin temos fortaleza financeira nin é sinxelo acadala, pero sempre hai pequenas oportunidades que se poden aproveitar. En definitiva, tratar de combinar a diversificación en produtos coa diversificación en mercados. Outra lección que nos ensina a crise é a necesidade de cooperación. En Galicia cústanos, porque somos bastante individualistas, pero ante a evidencia dos feitos temos que cambiar e empezar a colaborar de verdade. Se hai oportunidades noutros países probablemente non poderei ir só, pero si poderei facelo se me xunto con outras empresas competidoras ou complementarias. Como xa dixen, aí o Cluster ten un importante papel que xogar, estimulando e dando soporte a todas as iniciativas de cooperación que podan xurdir para aproveitar estas oportunidades.
Penso que estamos mellor do que pensamos. Temos persoal capacitado, empresas tractoras, universidades, plataformas tecnolóxicas, asociacións empresariais dinámicas, un cluster… Son vimbios para facer un bo cesto. Logo está a pata do apoio público. Hai axudas, pero tal vez non as esteamos aproveitando todo o ben que sería desexable. Ás veces polo propio deseño desas axudas, porque se convocan tarde, ou se resolven tarde, ou non da tempo a executar os proxectos… A queixa soe ser tamén que as convocatorias non se axustan totalmente ás características e necesidades das empresas. Por outra parte, hai que ver este ano como se deseñan a convocatorias de axudas dado o escenario orzamentario no que nos movemos, aínda que a miña sensación é que hai unha predisposición por parte da administración autonómica para avanzar na boa liña.
Comments