O estudio “La Sociedade de la Información en España 2012” publicado pola Fundación Telefónica mostra o avance da realidade dixital de Galicia, con datos que indican que a fenda dixital se vai pechando. Tal é a conclusión do documento que fai o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), quen salienta que os indicadores sobre equipamento e uso das TIC nos fogares galegos experimentan un incremento superior ao da media estatal.
OSIMGA sinala tamén que o nivel de penetración da banda larga nas empresas galegas de 10 ou máis traballadores con conexión a Internet acada o 98,7%, e que Galicia se sitúa como a terceira comunidade autónoma no uso da administración electrónica para obter información de carácter público.
O observatorio galego precisa que os indicadores de equipamento e uso das TIC nos fogares están condicionados polo tipo de hábitat e o avellentamento demográfico. Dito isto, salienta que o 98% dos nenos con idades entre 10 e 15 anos utilizan o ordenador e que o 96,5% son usuarios habituais de Internet. Un 63% dos fogares galegos contrataron unha conexión a Internet no ano 2012, un 18,2% máis que no ano anterior. Entre eles, o 62,3% dispón de banda larga, o que supón un incremento do 20,7% en relación ao 2011. A realización de compras a través de Internet incrementouse un 20,9% neste período.
A práctica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as ten contratada a conexión a Internet (98,8%) e un 98,7% delas faino a través da banda larga. O 69,4% das empresas deste segmento dispón de páxina web, un 13,4% máis que no ano 2011, reducíndose deste xeito a fenda dixital dos 5,8 puntos do 2011 ao 1,6 no ano 2012. Un 74,7% das empresas con conexión a Internet utiliza a sinatura dixital, o que supón un crecemento do 26,2% en relación ao 2011 e supera a media estatal en 4 puntos porcentuais.
No tocante á administración electrónica en Galicia, un 45,1% dos usuarios descargou formularios oficiais no ano 2012, 4,1 puntos máis que a media estatal. Un 31,9% enviou formularios cumprimentados a través de Internet. No ámbito empresarial, un 86,1% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as que dispoñen de conexión a Internet interactúa coas administracións públicas, situándose 1 punto por riba da media estatal. Este indicador experimentou un crecemento do 6,3% dende o ano 2011, fronte ao 1,3% da media estatal para este período.
OSIMGA pon de relevo finalmente que o estudo da Fundación Telefónica tamén recolle as iniciativas e os proxectos desenvolvidos pola Xunta de Galicia no marco da Axenda Dixital 2014.gal entre os que destaca a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Plan de Banda Larga 2010 – 2014, os Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), o Plan Abalar dos centros de ensino, o proxecto de voluntariado dixital VOLDIX, o Centro Demostrador TIC e o propio Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
Comments