O CPEIG recoñece coa colexiación de Honra a Domingo Molina e Jacinto Canales

O CPEIG recoñece coa colexiación de Honra a Domingo Molina e Jacinto Canales


O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou unha asemblea xeral e unha xuntanza extraordinaria o pasado sábado, día 10 de maio. Entre outros puntos, os presentes acordaron recoñecer co Premio Colexiado de Honra a Domingo Molina Moscoso, Director de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) da Administración do Estado, e a Jacinto Canales de Caso, presidente do Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática.

O CPEIG decidiu premiar a  Domingo Molina pola súa “capacidade transformadora do Sector Público Administrativo Estatal”. Ademais de ser o responsable do recentemente publicado modelo de Gobernanza TIC, un dos eixos da estratexia dixital do Goberno, é un firme defensor da profesión de Enxeñeiro/a en Informática, coa que amosou o seu compromiso, en varias reunións mantidas co Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática, de actuar como interlocutor coas altas esferas do Goberno central no relativo á situación da profesión ante a Lei de Colexios e Servizos Profesionais.

En canto ao modelo de Gobernanza TIC, inclúe a constitución de novos órganos de xestión e destaca a creación dunha axencia TIC que permitirá, entre outros avances, centralizar a relación das distintas unidades dixitais da Administración. 

Licenciado en Informática pola Universidade de Málaga e enxeñeiro técnico industrial pola Universidade de Cádiz, Molina pertence ao Corpo Superior de Sistemas e Tecnoloxía da Información da Administración do Estado coa especialidade de Administración Tributaria. 

Pola súa banda, Jacinto Canales na actualidade é o presidente do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática, máximo órgano de representación da profesión en España. Participou activamente na creación do tecido asociativo da Enxeñaría en Informática desde o ano 1993, sendo cofundador das asociacións de Enxeñaría Informática de Castela e León e de Madrid, e cofundador da Asociación de Enxeñaría en Informática, do mesmo xeito que cofundador do órgano predecesor do Consello Xeral. Asemade, contribuíu decisivamente á creación de asociacións e colexios noutros territorios do Estado, como son Asturias, Cantabria, A Rioxa ou Navarra. 

Licenciado e enxeñeiro en Informática pola Universidade de Valladolid, conta cunha traxectoria profesional de 20 anos no sector TIC. 

O Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática que preside Canales procurou en todo momento a mellora dos estudos para a obtención do título de Enxeñeiro/a en Informática, e participou no diálogo entre os centros de ensino e as empresas para a adecuación da formación dos estudantes. Outros logros do Consello son o traballo a prol da ordenación da profesión, dun código deontolóxico e o fomento e o desenvolvemento da Sociedade da Información en España. 

Outros acordos

Entre outras cuestións, os colexiados aprobaron tamén distintas modificacións nos estatutos do CPEIG, co obxecto de adaptalos á normativa vixente.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies