O Cluster TIC Galicia reafirma a súa condición de proxecto integrador do macro-sector

O Cluster TIC Galicia reafirma a súa condición de proxecto integrador do macro-sector


Ante as informacións publicadas sobre unha suposta quebra no seo do sector galego das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, o Cluster TIC Galicia reafirma a súa condición de proxecto integrador, orientado a aglutinar as distintas sensibilidades e desenvolver ferramentas de cooperación que permitan ás nosas empresas ser máis competitivas, acceder a novos mercados, incrementar a súa facturación e, en definitiva, contribuír á riqueza e prosperidade da economía e da sociedade galega.

O Cluster seguirá traballando na liña que marcan os seus obxectivos fundacionais, respectando, non obstante, a decisión daqueles que teñen decidido darse de baixa dun proxecto que naceu do esforzo e compromiso de todos. Un proxecto que tivo un arranque complexo pero que está en pleno funcionamento, guiado por un Plan Estratéxico a tres anos con obxectivos claros e programas de actuación ben definidos.

Este Plan Estratéxico responde aos intereses e necesidades do macro-sector TIC de Galicia, e é o froito dun traballo colectivo no que teñen participado todos os subsectores representados no Cluster.

A fortaleza e representatividade do Cluster TIC Galicia está garantida polo centenar de entidades que o integran (empresas, asociacións empresariais e colexios e asociacións profesionais).  Esta lexitimidade ten sido reforzada pola recente Asemblea Xeral Ordinaria, celebrada o pasado 8 de xuño, que aprobou sen ningún voto en contra tanto a xestión e as contas correspondentes ao exercicio 2010 como o orzamento e o Plan Operativo para 2011.

O Cluster ten estado e estará aberto ás distintas sensibilidades e intereses. Desde os principios da democracia, a transparencia e a defensa do ben común, ten e terá as súas portas abertas a todos aqueles actores do eido das TIC de Galicia convencidos de que a cooperación e a suma de forzas é a chave do futuro. Un futuro que esixe de todos a xenerosidade suficiente para deixar a un lado particularismos, mentalidades minifundistas e intereses persoais en beneficio das nosas empresas, da nosa economía e do noso país.

NdP 2011-06-17 Cluster TIC Galicia

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies