O Cluster TIC Galicia márcase como obxectivo un crecemento anual do 4,7% para os próximos tres exercicios

O Cluster TIC Galicia márcase como obxectivo un crecemento anual do 4,7% para os próximos tres exercicios



  • Porá en marcha 35 programas orientados a impulsar a competitividade, incrementar a cifra de negocio das empresas e consolidarse como a organización integradora do macro-sector.

  • A innovación, a saída a mercados exteriores, o financiamento, a formación e a cooperación con universidades e administracións públicas centran as prioridades do Plan, que conta cun orzamento de 1,9 millóns de euros.




O Cluster TIC Galicia presentou hoxe o seu Plan Estratéxico 2011-2013 que prevé, entre outros obxectivos, importantes aumentos da facturación dos seus asociados no exercicio actual e nos dous seguintes. Deste xeito, o Plan contempla que as vendas das empresas do Cluster crecerán no periodo considerado a unha tasa anual media do 4,7%. En concreto, para o presente ano prevese un crecemento de tres puntos porcentuais, que se elevará ata un 5% en 2012 e continuará o seu ascenso en 2013, para alcanzar o 6%.

A presentación tivo lugar o 8 de xuño no Centro Social de Novacaixagalicia en Santiago de Compostela, nun acto que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao que tamén asistiron o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e a directora xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, Mar Pereira.

Ante un auditorio composto maioritariamente por empresarios, Rafael Valcarce Baiget, presidente do Cluster TIC Galicia, asegurou que os obxectivos do Plan Estratéxico poden resumirse en tres ideas: integración do sector, incremento da competitividade e aumento da facturación das empresas. Valcarce indicou que o Plan Estratéxico representa “un gran paso” no cumprimento do compromiso asumido polo Cluster de facer de Galicia un líder en implantación e uso das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións, impulsando un gran pacto tecnolóxico-industrial que permita avanzar cara a un modelo económico baseado na innovación, a produtividade e o valor engadido. “Un modelo
–engadiu– capaz de xerar riqueza e emprego de calidade”. Valcarce destacou, asimesmo, a colaboración do Cluster TIC coa Consellería de Economía e Industria e coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e sinalou como “un deber de todos” o de “coidar a industria que ten capacidade de aportar valor engadido”.

Na clausura do acto, Núñez Feijóo felicitou ao Cluster TIC Galicia polo documento presentado e destacou o aliñamento das estratexias públicas e privadas de impulso ás Tecnoloxías de Información e das Comunicacións en Galicia, reflexadas no primeiro caso na Axenda Dixital 2014.gal e, no segundo, no Plan Estratéxico 2011-2013 do Cluster TIC. Neste sentido, o presidente da Xunta calificou de “histórica” a oportunidade que ten a Comunidade Autónoma de aproveitar esa converxencia. “Espero moito deste Plan Estratéxico e desta etapa de coordinación de obxectivos”, indicou Núñez Feijóo.

Ler a nota de prensa completa

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies