O Cluster TIC Galicia intégrase na rede europea ATClusters

O Cluster TIC Galicia intégrase na rede europea ATClusters


O Cluster TIC Galicia ven de integrarse no proxecto europeo de cooperación ATClusters, creado para impulsar o desenvolvemento deste tipo de organizacións na área atlántica.

ATClusters traballa na identificación de boas prácticas, na análise das condicións políticas que favorecen os agrupamentos empresariais, na exploración de vías de cooperación entre eles e, en definitiva, na promoción da creación e desenvolvemento de clusters e meta-clusters nos países europeos da área atlántica.

Esta rede cooperativa está liderada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), en colaboración coa Sociedade para o Desenvolvemento Rexional de Cantabria (Sodercan), a South West Rexional Authority de Cork (Irlanda), o Instituto de Desenvolvemento do Principado de Asturias (Idepa), a Agência de Desenvolvemento Rexional do Vale do Ave (Portugal) e a sociedade Bretagne-Innovation (Francia).

Verbo da integración en ATClusters, Rafael Valcarce, presidente do Cluster TIC Galicia, sinalou: “Trátase dun paso máis no traballo que desde o noso Cluster se está a facer para implantar modelos de xestión excelentes, que nos permitan ofrecer aos nosos asociados ferramentas e servizos para impulsar a súa competitividade e o crecemento do seu negocio, respondendo a necesidades como o financiamento, a formación ou a internacionalización”.

“Ao mesmo tempo —engadiu Valcarce— a integración en ATClusters aportaranos un mellor coñecemento do traballo que están a desenvolver organizacións similares á nosa doutros países europeos. Sumamos así forzas para que a nosa voz sexa oída pola sociedade civil e os nosos lexítimos intereses sexan tidos en conta nas decisións políticas”.

Sobre o Cluster TIC Galicia

O Cluster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro destinada a vertebrar o macro-sector galego das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, un ámbito de actividade que representa o 2,15% do PIB da Comunidade Autónoma e 16.000 empregos directos. Desde a súa posta en marcha operativa, na asemblea celebrada en febreiro de 2010, o Cluster traballa para poñer en valor o macro-sector TIC, impulsando a colaboración entre as empresas, coordinando os esforzos dos diferentes axentes para o impulso da innovación, a competitividade, a saída a novos mercados e a cooperación coas administracións e institucións. Actualmente, conta con 104 membros, dos que 95 son empresas, 4 son asociacións empresariais e outros 5 son colexios e asociacións profesionais.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies