O Clúster TIC manifesta a súa aposta pola especialización intelixente nun encontro organizado polo Igape

O Clúster TIC manifesta a súa aposta pola especialización intelixente nun encontro organizado polo Igape


O Clúster TIC Galicia puxo de manifiesto ante os medios de comunicación a súa implicación na estratexia da especialización intelixente, como palanca de desenvolvemento da competitividade empresarial. Nun almorzo de prensa organizado polo Igape en Vigo e no que participaron representantes de seis clústers, Rosa Méndez, xerente do Clúster TIC Galicia, defendeu que a especialización intelixente é a guía que orienta as prioridades da organización, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento do sector desde “as súas propias fortalezas e os seus recursos de coñecemento”.

Méndez explicou que o Clúster puxo en marcha un proceso participativo protagonizado polos socios para desenvolver o proxecto de especialización intelixente da entidade.

A xerente agradeceu ao Igape o seu apoio aos clústers galegos e puxo de relieve que a acreditación europea de excelencia Bronce Label obtida polo Clúster TIC é a súa “tarxeta de presentación na UE”. Neste contexto internacional, sinalou, é clave o novo marco que establece o programa Horizonte 2020 co que, segundo indicou, Bruxelas presta especial atención ás pemes, ofrecéndolles importantes oportunidades de financiación. Méndez recordou tamén que a próxima semana desenvolverase unha xornada organizada polo Clúster TIC para xerar ideas que deberán cristalizar en proxectos alineados co Horizonte 2020.

Competividade global
A necesidade de que as empresas sexan competitivas nun contexto global foi destacada tamén por Javier Aguilera, director xeral do Igape, quen sinalou que para elo é preciso revisar estruturas, buscar mercados que funcionen e xerar produtos e servizos. Segundo Aguilera, unha ensinanza que deixa a crise é que o obxectivo xa non pode limitarse a ser competitivos a nivel local, senón que hai que selo nun contexto internacional. O director xeral do Igape mostrouse optimista de cara ao futuro porque, dixo, estamos casi na outra “beira” da crise e porque houbo un cambio cultural nas pemes galegas, que ahora xa se asoman con naturalidade aos mercados exteriores. Aguilera destacou finalmente a importancia da cooperación entra os diferentes clústers galegos.

Por parte dos outros clústers participantes, Roberto Alonso, do Alimentario, destacou que a exportación é o motor do crecemento do sector e que a súa organización está apostando por abrir oficinas de representación en países como China e Estados Unidos. O xerente do Clúster da Madeira, Ricardo González, indicou que a súa prioridade é “tirar da demanda” por medio das palancas da innovación e a internacionalización, e destacou o proxecto que esta organización desenvolve en colaboración co Clúster TIC para realizar unha vixiancia dos mercados e desenvolver ferramentas de marketing.

Protagonismo das pemes
En representación de CEAGA, o Clúster da Automoción, Alberto Cominges, tras destacar que o seu sector é líder en competitividade en Europa, advirtiu que Bruxelas recoñeceu o fracaso do último Programa Marco á hora de atender as necesidades das pemes e, por esta razón, resaltou o “cambio de modelo” que representa o programa Horizonte 2020.

Tomás Casquero, xerente do Clúster Naval (ACLUNAGA), recordou que a chave para que as pequenas e medianas empresas podan acceder ao I+D é a cooperación, a través da formación de consorcios. Finalmente, Jose Ángel Lorenzo, responsable do Clúster do Granito, mencionou entre as súas prioridades a mellora da eficiencia operativa das empresas, a formación, e a seguridade e saúde dos traballadores. Destacou tamén que a política de clústers da Xunta de Galicia encaixa cos criterios da Unión Europea e responde ás necesidades das empresas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies