O Clúster e Agasol suman forzas para impulsar o crecemento do sector TIC galego

O Clúster e Agasol suman forzas para impulsar o crecemento do sector TIC galego


O Clúster TIC Galicia e a Asociación de Empresas de Software Libre (Agasol) sumarán as súas forzas para contribuir ao melloramento da competitividade e ao crecemento do hipersector galego das tecnoloxías da información e das comunicacións. Os presidentes de ambas as dúas entidades, Antonio Rodríguez del Corral e Xavier Castaño García, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración de duración indefinida que prevé a converxencia de actividades e o desenvolvemento de sinerxias.

En virtude do acordo, Agasol e o Clúster pasarán a traballar de forma integrada e coordinada, como se dunha soa organización se tratase, e falarán cunha voz única a nivel institucional, asumindo o Clúster a representatividade no sector de ambas as dúas entidades. O Clúster TIC creará na súa organización interna un grupo de interese de Software Libre, así como un portavoz para esta materia, que participará nas reunións do seu Comité de Dirección. Os socios de Agasol pasarán automáticamente a selo tamén do Clúster.

Agasol manterá a súa xeración de proxectos e actividades, que se fará no seo da estrutura do Clúster e de forma aberta a todos os asociados. Unha comisión paritaria de seguimento traballará polo bo desenvolvemento do convenio.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, sinalou que a sinatura do convenio supón “un importante avance” cara a establecer marcos de colaboración entre as entidades do sector que axuden ás empresas a desenvolver produtos e servizos innovadores e con capacidade para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados. “Para o Clúster e para os clientes dos seus socios é importante contar coa experiencia de Agasol, porque cada vez mais proxectos de cliente, de electrónica ou no ámbito das smart cities ou dos data centers execútanse total ou parcialmente en software libre”, explicou Del Corral.

Pola súa banda, Xavier Castaño García, presidente de Agasol, describiu o convenio como un paso adiante para a entidade, “xa que abre as portas a consolidar o peso específico que o software libre ten no sector TIC galego. Asimesmo -sinalou Castaño- abre unha canle de estreita colaboración co resto do sector que esperamos axude a facer crecer a implantación e o desenvolvemento de software libre en Galicia".

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies