O Clúster defende que a estratexia de innovación en España debe construírse desde a perspectiva da especialización intelixente

O Clúster defende que a estratexia de innovación en España debe construírse desde a perspectiva da especialización intelixente


O Clúster TIC Galicia participou o pasado luns, 10 de febreiro, nunha xornada de debate celebrada na Coruña en torno ao documento A innovación en España en 2020, da Fundación Cotec.

Neste foro, Antonio Rodríguez Del Corral, presidente do Clúster, defendeu a necesidade de incorporar á análise a perspectiva da Especialización Intelixente, tal como esta se expón desde a Unión Europea, tentando no posible unha coordinación entre as diferentes comunidades autónomas. Fundación Cotec.

Segundo Del Corral, sería moi positiva unha "especialización autonómica coordinada".
O presidente do Clúster TIC sinalou tamén a necesidade de potenciar o capital risco e as aceleradoras como recurso de financiamento, e puxo sobre a mesa a importancia de traballar na mellora da imaxe social do empresario en xeral e dos empresarios emprendedores.

A Fundación Cotec presentou nun "documento para o debate" a súa análise da innovación en España de cara aos próximos sete anos. Ao acto de presentación da proposta, que deu paso a unha serie de mesas de discusión, asistiron entre outros Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria; Carlos Negreira, alcalde da Coruña; Juan Manuel Villar Mir, presidente da Fundación Cotec, e Manuel Fernández Pellicer, de Gas Natural Fenosa, empresa anfitrioa do evento.

Na súa intervención, Francisco Conde tamén se referiu á estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), indicando que supón un cambio de paradigma, no que a administración se debe mirar "no espello da empresa e a empresa, no espello da innovación". O conselleiro asegurou que RIS3 impulsará un investimento de máis de 1.660 millóns de euros en innovación nos próximos sete anos, e dixo que para Galicia representa "unha das maiores oportunidades da súa historia".

O obxectivo da competitividade 
A Fundación Cotec está a presentar a súa proposta nas distintas comunidades autónomas, coa finalidade de "deseñar o sistema de innovación que España necesita para a súa competitividade, e definir as vías para conseguilo". Para iso, organiza reunións de debate nas que participan expertos dos ámbitos empresarial e académico, así como responsables das administracións públicas.

Deste xeito, o borrador que foi obxecto de discusión o pasado luns na sede de Gas Natural Fenosa na Coruña articúlase nunha primeira parte que analiza a posición competitiva de España, a produtividade das empresas e a situación actual da innovación, e unha segunda que contén unha proposta preliminar sobre como debería ser o sistema de innovación español ao redor de 2020. Ademais, nesta segunda parte do documento suxírense temas de debate agrupados en tres apartados: a empresa, a sociedade e "o soporte que debería prestar o sistema de innovación español ás empresas para que aumentasen a súa competitividade".

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies