None
Prezado socio,
Moito se ten falado en España e en Galicia do afastamento entre o mundo da empresa e o mundo académico. Non se pode negar que iso sexa unha realidade, pero desde logo cómpre asignar a cada parte a cota de responsabilidade que lle corresponde, e apoiar as iniciativas que buscan reducir esa distancia. O certo é que nas economías máis avanzadas a integración da ciencia coa empresa é moito máis alta que na nosa economía.
As empresas españolas, grandes e pequenas, temos vivido maioritariamente de costas ao coñecemento universitario, con honrosas excepcións. Somos aparentemente indiferentes ao feito de que é nas universidades e nos centros tecnolóxicos punteiros onde se xeran o coñecemento e as tecnoloxías que logo van alimentar tanto ás grandes compañías como ás start-ups. Asemade, como empresas tecnolóxicas estamos desconectados dos grandes proxectos de estandarización internacional, onde se definen de forma anticipada os produtos tecnolóxicos que imos mercar, ben como consumidores ou ben como distribuidores, aos poucos anos.
Pola súa banda, as universidades teñen fallado tamén á hora de facer transferencia de tecnoloxía de forma funcionarial e organizada “desde arriba”. Non obstante, as cousas neste eido están a cambiar. Co pulo de xente nova e con ganas de traballar, os grupos de investigación estanse abrindo ás empresas e ao capital risco e cómpre que nós lles deamos orientacións e inputs para a creación de novos proxectos.
As reunións da plataforma tecnolóxica Vindeira, centradas en unir grupos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas para crear novos proxectos tecnolóxicos, constitúen unha resposta organizada a esa necesidade de achegamento entre universidade e empresa.
Hoxe podemos dar a boa nova de que o Cluster e Vindeira suman as súas forzas para permitir ao sector TIC galego especificar as súas necesidades de tecnoloxía e dirixilas cara aos centros que teñen a capacidade para producila. Co convenio asinado entre as dúas entidades, está dado o primeiro paso. Agora o Comité Estratéxico do Cluster deberá definir o programa de acción que demanda a Vindeira, para que esta o desenvolva en colaboración coas universidades e centros tecnolóxicos.
Vindeira está a traballar tamén para que o sector galego das tecnoloxías da información e das comunicacións poida contar cunha entidade propia de capital risco TIC. Esta futura entidade debe estar aberta a todas as empresas do Cluster e Vindeira, e será un elemento clave para o noso sistema de innovación.
Quero animarvos a todos a continuar traballando con espírito colaborativo, pois a suma coordinada de forzas é imprescindible para acadar un sector TIC galego forte, con empresas sólidas e capaces de competir nos mercados internacionais. O final, o reto é exportar tecnoloxía e deixar de ser, en termos acumulados, un importador neto de produtos tecnolóxicos. Como algúns dos nosos membros teñen demostrado, temos que conseguir ser un sumidoiro de investimento internacional, e iso só se pode conseguir presentando proxectos de alto nivel que estean realmente en punta de lanza tecnolóxica e en orientación ao mercado.
Comments