Converterse na organización integradora do macrosector, incrementar a competitividade e promover a expansión comercial para aumentar a cifra de negocio do membros do Cluster TIC Galicia constitúen os tres vértices do mapa de obxectivos do Plan Estratéxico 2011-2013. O Comité Estratéxico (COES) celebrado o 16 de novembro validou este deseño para o documento que se converterá na auténtica folla de ruta da organización para os próximos anos.
O proceso de elaboración do Plan Estratéxico esgotou xa as etapas de análise, que incluiron estudos sobre o contorno, a contratación pública, o sector TIC español e as tecnoloxías estratéxicas. Fíxose tamén o labor de identificación e análise das mellores prácticas doutros cluster españois e completouse con éxito a enquisa de diagnóstico interno, na que os membros do Cluster TIC tiveron a oportunidade de participar por medio dun cuestionario e do debate en tres mesas consultivas. Neste sentido, o nivel de participación dos membros do Cluster foi cualificado de “alto”.
O mapa do Plan Estratéxico está integrado por 37 programas de actuación integrados en catro eixos: Aprendizaxe, Procesos internos, Financiamento e Proposta de valor para os membros do Cluster TIC. Cada un dos programas contará con obxectivos ben definidos e indicadores que permitirán facer un seguemento do avance das diferentes liñas de traballo e dispor dun cadro de mando integral.
Entre os programas que integran o eixo de Aprendizaxe, cabe sinalar os que se destinarán a “aliñar os plans de estudo coas necesidades do sector” e os que promoverán a formación en competencias financeiras e de xestión. No eixo de Procesos internos inclúese un total de once programas, entre eles os destinados a “vertebrar a I+D+i das TIC en Galicia”, fomentar a cooperación, promover a creación de spin-off e start-ups, crear un Plan de Comunicación e incrementar o número de socios do Cluster. O eixo de Financiamento concrétase en tres programas para optimizar custos operativos, asegurar ingresos para gobernanza e “acadar viabilidade financiera”. Finalmente, na Proposta de valor para os membros do Cluster recóllese un total de 18 programas. Algúns deles son os orientados a aliñar as estratexias do Cluster e a Administración, potenciar o agrupamento empresarial, desenvolver a orientación a produto, aumentar a cota no mercado galego e potenciar a penetración en mercados exteriores.
Comments