Xunto con Alemaña, Galicia será campo de probas para os ensaios da futura banda larga europea, dentro do proxecto BATS (Broadband Access via Integrated Terrestrial & Satellite Systems) financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea. Do consorcio que impulsa esta iniciativa forman parte, entre outros, R Cable e Telecomunicacións de Galicia, S.A. (empresa socia do Cluster TIC Galicia) e o centro tecnolóxico Gradiant.
Para competir con líderes mundiais como Corea do Sur e Xapón, e para desenvolver servizos como a televisión de ultra alta defnición, Europa necesita dispoñer dunha conexión de 30 Mbit para todos os seus cidadáns ou que polo menos o 50 por cento das casas europeas con conexión a internet teñan mais de 100 Mbit no ano 2020. Esta é unha das metas da Axenda Dixital para Europa da Comisión Europea e para conseguilo necesítanse melloras nas comunicacións de banda larga satelitales e terrestres nos territorios de toda Europa. Este é o contexto no que se enmarca o proxecto BATS, que ademais contribuirá a mellorar a cobertura en zonas rurais de difícil acceso.
Ademais de Gradiant e de R, no consorcio, que mantivo a súa primeira reunión hai unhas semanas en Londres, hai quince entidades europeas do sector espacial. As entidades galegas implicadas no proxecto traballarán na definición do sistema, as probas de campo e o desenvolvemento de satélites de nova xeración.
Comments