Galicia acolle LibreCon, o maior encontro sobre tecnoloxías abertas e negocio

Galicia acolle LibreCon, o maior encontro sobre tecnoloxías abertas e negocio


AGASOL, ASOLIF e Clúster TIC Galicia organizan a quinta edición de LibreCon, conferencia de negocio e tecnoloxías abertas, os próximos días 29 e 30 de outubro en Santiago de Compostela, a axenda publicouse esta semana. A Cidade da Cultura congregará durante dúas xornadas a responsables do mundo da empresa, a administración e a educación para dar a coñecer tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas que están a facer máis competitivas e innovadoras a empresas e administracións públicas.  

LibreCon mantén o seu obxectivo fundamental de creación de negocio e emprego en todos os sectores da sociedade a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento esperando superar as 500 reunións de negocio da edición 2014. A asistencia é gratuíta previo rexistro: Rexistro LibreCon.  

“LibreCon é un escaparate no que ano tras ano se mostran os beneficios reais dun sector que constitúe unha alternativa real a empresas e administracións públicas de todo o mundo grazas á súa maior competitividade, aos grandes aforros achegados, así como ao desenvolvemento das economías locais”, indica David Olmos, presidente de ASOLIF.  

A cita contará con representantes internacionais do mundo tecnolóxico da talla de Victor Palau de Canonical, Dominig Ar Foll de Intel Open Source, Roberto Zompi de GENIVI-Magnetti Marelli (grupo Chrysler-Fiat), Tin Hang Liu de Open Source Vehicle e Jim Groom creador de EDUPUNK que ofrecerán sesións maxistrais sobre Internet of Things (IoT), automóbil conectado e educación.  

Co obxectivo de compartir coñecemento, arredor de trinta charlas e talleres dun gran número de empresas e representantes nacionais como Igalia, ASPGems, Irontec, IBM, SuSE ou Teléfonica e organizacións como a Junta de Andalucía ou a Universidad de Granada, entre outros, conforman unha axenda cargada de sesións adicadas a dar a coñecer novas iniciativas que amosen como as tecnoloxías abertas axudan á xeración de negocio en todos os sectores de actividade. A zona expositiva, premios e actividades sociais, completan dúas xornadas repletas de tecnoloxía.  

“Queremos potenciar o networking e a compartición de coñecemento arredor de solucións baseadas en tecnoloxías abertas que aumenten a competitividade e eficiencia das organizacións”, indica Xavier Castaño, presidente de AGASOL. “Temos unha axenda moi interesante que cubre temáticas en auxe como o IoT, os automóbiles conectados ou novas tendencias educativas e que ademais toca temas de tecnoloxías asociadas como a nube ou o big data”.  

“A presenza dos sponsors  é fundamental para nós porque as súas achegas nos permiten realizar toda a organización e contar con relatores internacionais”, explica Luis Alberto Fernández, xerente de AGASOL.  Ademais das empresas participantes nas conferencias, LibreCon conta co apoio institucional da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e NOVA Xestión Cultural. Os patrocinios Platinum de Microsoft, e Gold de SuSE, IBM, Concello de Santiago e o operador galego R, permiten que o evento sexa gratuíto para todos os asistentes.   

Un evento en familia, LibreKids  
Co obxectivo de animar e facilitar a asistencia a aquelas persoas que teñan interese en participar nas xornadas o venres pola tarde, así como achegar a tecnoloxía aos máis pequenos, LibreCon ofrece o novo espazo  LibreKids.  

Dous talleres estarán dispoñibles para gozar da tecnoloxía nas actividades en familia. O taller “Enredando con Mimadriña: origami e leds” é unha proposta educativa e social que emprega como ferramenta base o origami a partir de 5 anos. “Enredando con escornabots: robótica e impresión 3D abertas” achegará a robótica e a programación a nenos e nenas a partir de 6 anos.  

As actividades son gratuítas previo rexistro a través do sitio web da conferencia.

En medios:

Código Cero | Victor Tuson afondará en Librecon nos recursos de seguridade que vai precisar a internet das cousas
Anpa Agromar | "Queremos unir 'negocio' e 'software libre', que todos os sectores coñezan as oportunidades que se abren
Praza Pública | Unha ducia de razóns para asistir á LibreCon
Europa Press | Banco Santander, Microsoft, el Concello de Santiago, IBM y SuSe apoyan LibreCon
El Diario.es | "Queremos unir los conceptos de negocio y software libre"
Praza Pública | "Queremos unir 'negocio' e 'software libre', que todos os sectores coñezan as oportunidades que se abren
Código Cero | Banco Santander, Microsoft, o Concello de Santiago, IBM e Suse apoian ás tecnoloxías abertas en Librecon
Noticias Bancarias | Banco Santander se suma a la V edición de LibreCon

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies