Enxenio, empresa pioneira na certificación da calidade de produtos software

Enxenio, empresa pioneira na certificación da calidade de produtos software



Enxenio, empresa socia do Clúster TIC Galicia, obtén a certificación ISO/IEC 25000 de calidade software para un dos seus produtos, xCloud eBookStore, unha plataforma de distribución de eBooks. Esta certificación foi promovida e desenvolta por AENOR, Axencia Española de Normalización, e por ACQ Lab, centro acreditado por ENAC para a realización de ensaios de avaliación de calidade de aplicacións software.  

A norma ISO/IEC 25000, tamén coñecida como Square (Software Product Quality Requirements and Evaluation), define o proceso de avaliación da calidade dun produto software e as características e subcaracterísticas que poden ser avaliadas, como a funcionalidade, o rendemento, a compatibilidade, a usabilidade, a seguridade ou a mantebilidade, entre outras. Así, Enxenio forma parte das tres primeiras empresas a nivel nacional en certificar a calidade e mantebilidade dun dos seus produtos, é dicir, o grao no que este facilita o seu mantemento de forma efectiva, eficiente, segura e satisfactoria. 

A certificación de calidade de produto software ten numerosas vantaxes, tanto para as organizacións que desenvolven software como para as empresas que o adquiren: permite controlar e coñecer a calidade do produto e asegura os tempos de entrega e a redución de erros no produto, diferenciando aos desarrolladores de produtos de software dos seus competidores. 

xCloud eBookStore é unha solución completa e personalizable para que  as  empresas do sector editorial poidan dispoñer da súa propia plataforma online de venta de eBooks. Este produto, permite ás empresas dispoñer da súa propia tenda online de publicación e venda, totalmente personalizada e sen depender de terceiros.  A plataforma inclúe un lector de eBooks no que os usuarios poden acceder, aos libros que mercaron, desde calquera dispositivo e incluso lelos sen dispor dunha conexión a Internet.  Ademais,  a plataforma permite a sincronización automática da lectura nos diferentes dispositivos, e permite ao usuario personalizar todas as opcións de visualización dos textos (fontes, cores, etc.).


SOBRE Enxenio
Enxenio é  unha empresa de desenvolvemento de software, asociada á Universidade da Coruña, creada e participada por profesorado da Facultade de Informática de dita universidade. Desde os seus inicios Enxenio aposta pola calidade e a I+D+i como actividade imprescindible para dar resposta á constante demanda de novas solucións en sistemas de información.

Para máis información:
Óscar Pedreira
Responsable de calidade
oscarpf@enxenio.es
Tlf.: 981 91 37 68

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies