Empresas de Galicia e Portugal accederán a clouds de supercomputación

Empresas de Galicia e Portugal accederán a clouds de supercomputación


O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración cos Centros Tecnolóxicos AIMEN, CATIM e AIMMAP abre ás pequenas e medianas empresas de Galicia e o Norte de Portugal a plataforma de computación científico-técnica de alta capacidade CLOUDPYME. Este CLOUD, baseado en tecnoloxías de última xeración, está a ser desenvolvido dentro do proxecto CLOUDPYME para satisfacer as necesidades computacionais das empresas da Eurorregión para o desenvolvemento dos seus produtos.

A simulación numérica é unha ferramenta fundamental para a competitividade das empresas, facilitando a xeración de novos produtos robustos e con gran calidade, reducindo os custos do seu desenvolvemento. Habitualmente, a empresa que xa utiliza a simulación, emprega a súa propia infraestrutura informática, bloqueando esta para outras tarefas necesarias ou limitando o número de ensaios. Esta nova Plataforma elimina estes inconvenientes, abrindo tamén a posibilidade de utilizar simulación numérica a aquelas empresas que aínda non a utilizan nos seus procesos de innovación, incrementando a súa competitividade. A Plataforma permite ás empresas conectarse á infraestrutura tecnolóxica instalada no Centro de Supercomputación de Galicia e ensaiar cos seus prototipos virtuais baixo demanda á medida das súas necesidades, de forma segura e confiable.

Inicialmente a plataforma ofrece o acceso a software de código aberto para CAD e CAE, que se adapta ás necesidades das empresas que desenvolvendo novos produtos. Non obstante, a plataforma permite a instalación doutro software de cálculo ou análise de datos que a empresa necesite para os seus procesos de innovación.

A Plataforma ten o respaldo dunha infraestrutura de computación estable e confiable, formada por máis de 1.200 procesadores e 31.000 GB de espazo en disco, de tal forma que a empresa usuaria poida facer aqueles ensaios virtuais que considere necesarios sen limitarse por falta de capacidade, co fin de crear novos produtos competitivos.

Fonte: CESGA

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies