Eganet pon o prato forte no Culturgal

Eganet pon o prato forte no Culturgal


Eganet ofrecerá unha completa mostra dos últimos avances mundiais no eido da tecnoloxía na Feira das Industrias Culturais de Galicia, dándolle ao público que asista a posibilidade de interactuar coas ferramentas máis novidosas e sorprendentes. "Encheremos a nosa Garaxe con videoxogos controlados por emisións de ondas cerebrais, pantallas en 3D e multitáctiles, láser graffiti, intelixencia artificial...  e impartiremos dous obradoiros: Game Over, unha oferta aos máis novos a se introducir no mundo das tecnoloxías, e Workshop de Láser Graffiti, que irá acompañado dun curso rápido para aprender a manexar esta ferramenta creativa", contan dende a web.



A Feira das Industrias Culturais de Galicia (Culturgal) celebra a súa terceira edición e conta un ano máis coa participación de Eganet, colectivo integrado na Asociación Culturgal. A feira ofrecerá tres días de intensa actividade para a fin de semana do 26, 27 e 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

O vicepresidente de Eganet e xerente de Galinus Comunicación en Internet, Daniel Cerqueiro, representará á asociación no acto inaugural da feira, que terá lugar este venres ás 11:45 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Da súa man, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o xerente da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, coñecerán e poderán probar trebellos do Garaxe de Eganet. Tamén estarán presentes a ex presidenta da asociación e xerente de Interacción, Beatriz Legeren, a xerente de Ceo Aberto, Mónica Moure, e a directora da área de Game de Imaxín, Luz Castro.

As ferramentas? No Garaxe
Eganet aposta polo valor transversal das novas tecnoloxías no desenvolvemento de proxectos culturais. Por iso, o noso stand, a Garaxe, acollerá aparellos e programas de última xeración cos que achegar o estimulante inquietante mundo das novas tecnoloxías aos asistentes e aos produtores culturais.


Contaremos cunha pantalla 3D e outra na que proxectar videoxogos que estará conectada a un ordenador e a un mando para que todo aquel que o queira poida xogar. O público que asista tamén poderá comprobar de primeira man o fucionamento dunha pantalla multitáctil de grandes dimensións e alta sensibilidade, baseada sistema de iluminación interior por infravermellos. Este dispositivo permite que varias persoas participen de forma simultánea; unha posibilidade especialmente atractiva se falamos de videoxogos nos que os xogadores poden competir ao tempo e recibir a información da clasificación en tempo real.





Obradoiros abertos aos asistentes
Game Over. O pasado, o presente e o futuro das tecnoloxías a través da historia dos videoxogos terá lugar o sábado 26 a partir das 17:00 horas e o domingo 27 dende as 11:00. O obxectivo é achegarlle á sociedade galega as últimas novidades galegas e internacionais en videoxogos, ferramentas web e aplicacións informáticas.


Entre outras novidades, se poderán probar dous dos últimos xogos desenvolvidos por Neurosky, unha empresa que deseña dispositivos de control baseados na emisión de ondas cerebrais. O xogo Jedi Trainer, no que o xogador debe controlar coa mente os movementos dunha bóla, e o casco Neurosky Headset, que permite manexar unha personaxe en función da concentración e a meditación do xogador. Ademais, mediante un proxector compatible con 3D e unhas gafas nVidia, as persoas que se acheguen ata o stand poderán probar a sensación de xogo tridimensional.

“Sairán convertidos en graffiteiros dixitais”
O Workshop Láser Graffiti terá lugar o sábado a partir das 18.30 e o domingo á 13:30. Para participar non son precisos coñecementos de informática, o único requisito é traer un portátil, unha webcam e moitas ganas de aprender. Presentaremos aos asistentes o Láser Gaffiti, un proxecto desenvolvido polo grupo artístico dos Estados Unidos Graffiti Research Lab: darémoslles as indicacións para descargar o software e ensinarémoslle como poñelo en marcha. Para finalizar o workshop, os asistentes probarán nos seus equipos o correcto funcionamiento do sistema de xeito que “os interesados que se acheguen co seu propio portátil e unha webcam sairán convertidos en graffiterios dixitais”, aseguran os organizadores.

Unha ‘G’ xigante para rematar coa sedución

Xa ao abeiro da noite, cando a escuridade o  permita (sobre as 19:45), farase unha videoproxección de Graffiti Dixital sobre o Pazo da Cultura. “A nivel conceptual este é un sistema dunha gran simplicidade”, explican desde Ceo Aberto. Ao apuntar o punteiro  cara á fachada, xérase un punto de cor verde. A cámara astronómica, configurada adecuadamente, detecta este punto, transmitindo ao computador a información da posición. O software para Laser Graffiti lanza unha proxección de vídeo que simula o trazo dun spray de pintura, podéndose programar incluso o goteo da pintura sobre a superficie do edificio. Evidentemente, o graffiti pódese borrar en calquera momento, incorporando unha nova mensaxe ou levándoo a unha nova localización.

Programa completo do Culturgal

Fonte: Eganet

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies