Ednon apoia o talento innovador dos seus traballadores

Ednon apoia o talento innovador dos seus traballadores


Ednon celebrou o mércores 17 de abril o acto de entrega do premio correspondente ao Concurso de Xeración de Ideas iEDNON, que se desenvolvía na súa primeira edición.

A través deste galardón, Ednon desexa premiar as ideas orixinais dos seus traballadores que poidan converterse en produtos ou servizos innovadores no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación. A empresa incrementou significativamente a porcentaxe de I+D+i na súa facturación durante os últimos anos, polo que considera imprescindible transmitir a todos os membros da organización as vantaxes de ser unha empresa innovadora, fomentando a súa participación e implicación no proceso de innovación.

A apertura do acto, que tivo lugar na sede central de Ednon en Santiago de Compostela, estivo a cargo do seu presidente, Francisco Bao, que destacou que a empresa seguirá investindo en I+D+i. “Queremos que a innovación forme parte do ADN de Ednon, que todos os traballadores poidan achegar e desenvolver as súas ideas", dixo.

Tras a lectura da acta do xurado, que estivo formado por representantes de Ednon e Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), Francisco Bao e Roberto Espina fixeron entrega do primeiro premio, dotado con mil euros, ao equipo formado polos empregados de Ednon Benjamín Enríquez, David Viqueira e José Manuel García. A idea galardoada consiste na proposta dunha aplicación móbil para o sector saúde, sendo seleccionada por cumprir cos criterios de orixinalidade, viabilidade tecnolóxica e adaptación á estratexia de comercialización da empresa.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies