En menos de dous anos, máis de 63.000 fogares galegos se deron de alta en servizos de Internet grazas ás actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo informou a propia AMTEGA, desde o inicio dos despregamentos contemplados no Plan e ata o primeiro trimestre deste ano producíronse unha media 150 altas ao día no servizo de banda larga, o que supón que preto de 400 galegos poidan acceder á rede. AMTEGA cre que estes datos poñen de manifesto "a boa acollida dunha das iniciativas tecnolóxicas máis relevantes da Xunta para reducir a fenda dixital e impulsar o acceso ás redes máis modernas de telecomunicación".
O obxectivo do Plan é dotar de cobertura a toda Galicia en 2013. Con esta finalidade xa están en marcha todas as accións previstas no plan, priorizando o ámbito rural galego e impulsando ao mesmo tempo a extensión das redes de telecomunicación máis punteiras con velocidades de 100 Mbps.
Comments