Co apoio do Cluster, Voluntariado Dixital impulsará a incorporación ás TIC de persoas maiores e discapacitados

Co apoio do Cluster, Voluntariado Dixital impulsará a incorporación ás TIC de persoas maiores e discapacitados


Nun acto celebrado onte, 26 de xuño, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), o Cluster TIC Galicia adheriuse formalmente ao programa Voluntariado Dixital, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar Social e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente do Cluster e presidente en funcións, representou á entidade e asinou o correspondente protocolo.

Xunto a Rodríguez del Corral, interviñeron no acto Anxo Queiruga, presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade na Comunidade (CERMI Galicia); María Luisa Ansorena, presidenta da Unión Democrática de Pensionistas; Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (socio do Cluster), e Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira e portavoz nesta ocasión da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Xunto a eles, en representación da Administración autonómica, estiveron Ovidio Rodeiro, director xeral de Xuventude e Voluntariado, e Mar Pereira, directora da AMTEGA, a quen correspondeu a presidencia da mesa.

En total foron 67 as entidades que se comprometeron co programa Voluntariado Dixital, entre as cales están 16 empresas do sector TIC galego, 15 concellos e diversas asociacións e organismos públicos e privados. A este apoio hai que sumar o dos 191 voluntarios que se adheriron á iniciativa en xaneiro, e que poñen o seu tempo e os seus coñecementos a disposición das diferentes iniciativas enmarcadas dentro do programa.

As empresas adheridas actuarán como mecenas dixitais, contribuíndo á formación de voluntarios, doando equipamento TIC, cedendo o uso de espazos ou financiando eventos específicos. Como organismo colaborador, o Cluster TIC Galicia realizará actividades de difusión do programa.

Solidariedade e responsabilidade corporativa


Desde a Xunta de Galicia recordouse que Voluntariado Dixital ten como obxectivo “incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá” dos colectivos en maior risco de exclusión dixital, como maiores e persoas con discapacidade, e salientouse que “o programa suma a solidariedade individual dos voluntarios, a responsabilidade social das empresas TIC, o apoio das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas”. Asegurouse tamén que as actividades previstas permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federacións de persoas con discapacidade.

Tal e como se indicou desde o Goberno galego, o programa Voluntariado Dixital conta coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico da Administración autonómica, que inclúe 98 aulas da rede CeMIT, máis de 300 bibliotecas públicas, 79 centros socio-comunitarios e 81 centros CeDIM. A eses recursos sumaranse os que poñan á disposición do programa os mecenas e as entidades colaboradoras. O programa está integrado nunha das liñas estratéxicas de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia e no Plan Galego de Acción Voluntaria 2001-2014.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies