Boletín Cluster TIC Galicia, nº 9. Editorial

Boletín Cluster TIC Galicia, nº 9. Editorial


None



Por Rafael Valcarce Baiget, presidente do Cluster TIC Galicia.

Prezado socio:
Teño a satisfacción de presentar este novo número do noso boletín mensual tras ter asinado recentemente o Convenio Marco que nos permitirá desenvolver, polo menos durante os próximos dous anos, unha colaboración coa Xunta de Galicia que será moi beneficiosa para as nosas empresas.

A interlocución e a cooperación coas Administracións Públicas é importante para que unha entidade asociativa da importancia da nosa poida acadar os seus obxectivos. Detrás da sinatura deste Convenio hai moito traballo e, diante dela, moito máis. Traballo que faremos entre todos e que contribuirá a fortalecer as empresas, asociacións e colexios profesionais que apostamos polo Cluster.

Foi o propio presidente de Xunta quen, aproveitando a inauguración do Centro Demostrador TIC, quixo ser o primeiro en dar a noticia do acordo, indicando que o Goberno galego e o Cluster TIC Galicia definirán conxuntamente o modelo de financiamento que permitirá impulsar o sector. Efectivamente, ese será o contido concreto da primeira adenda coa que se iniciará o desenvolvemento do Convenio Marco.

Estamos pois en sintonía coa Administración, e contamos cun respaldo institucional moi forte que nos confirma como o interlocutor de referencia e a entidade con capacidade para conciliar as distintas sensibilidades dentro do amplo, rico e diverso sector TIC galego. Esta condición quedou de manifesto na brillante presentación do noso Plan Estratéxico, ben reflectida polos medios de comunicación. E nós mesmos témola reafirmado publicamente, por medio dun comunicado de prensa que emitimos o pasado día 17, reivindicando a plena vixencia do proxecto do Cluster e anovando o compromiso que nos vencella ao conxunto da economía e da sociedade galega.

Estamos pois, comezando a ver resultados tanxibles do traballo que se ten feito. Poida que estes resultados teñan tardado en chegar máis do que algúns esperaban, pero velaí están. Son importantes e irán a máis conforme continuemos o desenvolvemento do Plan Estratéxico 2011-2013, na triple liña da integración do sector, o incremento da competitividade e o crecemento das nosas empresas.

Manteñamos a ambición, a ilusión e a xenerosidade. Sigamos adiante.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión o crea una cuenta
Modificar cookies