As TIC elevan á excelencia o sistema nacional de saúde

As TIC elevan á excelencia o sistema nacional de saúde


A integración das Tecnoloxía da Información e das Comunicacións (TIC) na estratexia do sistema nacional de saúde converteu a España nun país de "excelencia sanitaria". Así o afirmou recentemente Borja Adsuara, director xeral de Red.es, na presentación dos informes
As TIC no sistema nacional de saúde e Os cidadáns ante a e-sanidade.

Segundo Red.es, as TIC permitiron que en España se desenvolvesen novos servizos sanitarios en rede, un sistema interoperable de tarxeta sanitaria e unha infraestrutura centralizada de datos dixitalizados que as comunidades autónomas poden intercambiar.

O estudo As TIC no sistema nacional de saúde é unha iniciativa conxunta do Ministerio de Sanidade, o Ministerio de Industria e as comunidades autónomas, co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Reflicte a situación dos principais servizos desenvolvidos en varias autonomías, (historia clínica electrónica, receita electrónica e cita por internet) e indica o grao de progreso alcanzado en cada caso. Entre os resultados que rende, cabe destacar que o 93% dos centros de saúde conta xa con sistemas de historia clínica electrónica ou que o 55% dos centros e o 49% das farmacias dispoñen do servizo de receita electrónica. De feito, durante o ano 2011, o 39% das receitas dispensadas foron electrónicas.

O informe Os cidadáns ante a e-sanidade foi elaborado polo Observatorio Nacional de las Telecomunicaciones y de la Sociedad de la Información (ONTSI), e analiza o coñecemento, utilización e valoración por parte da poboación española das TIC aplicadas á saúde. O documento destaca moi positivamente o coñecemento de ferramentas como a historia clínica electrónica (78%), a petición de cita médica a través de internet (64%) e a receita electrónica (56%). A valoración dos cidadáns cara a estes servizos é moi positiva (superior a 8 puntos sobre 10 nos tres casos). Ademais, o 80% considera que grazas ao uso do ordenador existe unha maior sensación de seguridade e control, xa que todo queda rexistrado con orde e claridade.

Galicia, en vangarda

Por parte da Xunta de Galicia sinalouse que os resultados deste estudo sitúan a comunidade autónoma nunha posición punteira dentro do conxunto de España. De feito, Galicia é a comunidade cun maior nivel de coñecemento da receita electrónica, cun 82,9%, e do sistema de cita previa por Internet, co 75,3%. Ademais, Galicia está entre as cinco comunidades nas que o coñecemento da historia clínica electrónica supera o 80% e da teleasistencia o 70%.

Igualmente, e segundo destacou a Xunta de Galicia a través dun comunicado, a petición de citas de atención primaria a través de internet é o servizo máis consolidado e cada día son máis os cidadáns que empregan esta ferramenta. En realidade, a citación por internet está dispoñible en todos os centros de atención primaria e no 87% dos centros de atención especializada. Case un millón e medio de citas médicas foron solicitadas a través da páxina web do Servicio Galego de Saúde durante os sete primeiros meses do presente ano.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies