Arteixo Telecom tomou unha participación en Sinatec Electronics, firma especializada en electrónica industrial con sede en Toledo. A operación, que inclúe unha opción de compra do cen por cento da firma nun prazo de tres anos, permitirá a Arteixo Telecom mellorar os seus recursos produtivos e loxísticos, e acceder ao sector aeroespacial.
O acordo entre ambas as dúas compañías fará posible o desenvolvemento de sinerxías, compartindo recursos e capacidades que redundarán no crecemento da competitividade e a cifra de negocio das dúas firmas.
En particular, para Arteixo Telecom o acordo supón incorporar aos seus activos industriais unha Sala Limpa ISO 7 e mellorar os seus recursos loxísticos, ao dispoñer agora dunha instalación no centro da Península Ibérica.
Así mesmo, a alianza con Sinatec supoñerá para Arteixo Telecom o reforzamento do seu posicionamento en mercados que considera estratéxicos para o seu futuro a curto e medio prazo. En particular, ampliará a súa carteira de clientes en Defensa -ámbito no que Arteixo Telecom ten xa unha importante experiencia- e poderá acceder a novos sectores, como o aeroespacial. Non en van, Sinatec dispón de persoal especializado e acreditado en montaxe de elementos de voo.
O investimento na firma toledana enmárcase na estratexia de Arteixo Telecom de diversificación de negocio e entrada en novos sectores.
Novo Director Industrial
O acordo inclúe tamén o nomeamento de Felipe Alberto Martínez, fundador e actual director xeral de Sinatec, como novo Director Industrial de Arteixo Telecom. Enxeñeiro de Telecomunicacións con gran prestixio e unha dilatada traxectoria no sector da industria electrónica, Martínez ocupou durante quince anos o cargo de director de operacións en España das multinacionais Alcatel e Sanmina.
Comentarios