Onte celebrouse unha nova sesión das "Xuntanzas Debate", na que participaron 15 empresas socias do Clúster TIC Galicia. Na reunión fíxose unha presentación de distintas iniciativas e proxectos que pon en marcha o Clúster e tamén se fixo balance e valoración das actividades realizadas polo Clúster até o de agora.
Fran Rodríguez, secretario do Clúster TIC, presentou distintas iniciativas que comezará a potenciar o Clúster, entre elas os selos de recoñecemento á Empresas Tractoras e de Proxectos Colaborativos Clúster. Con estes distintivos téntase recoñecer a colaboración entre empresas e a subcontratación de grandes á pequenas empresas, eixos estratéxicos do Clúster.
Tamén se fixo a presentación de dúas medidas solicitadas anteriormente polos socios encamiñadas a regular o procedemento de presentación de proxectos estratéxicos e de queixas ou suxerencias do sector TIC. A finalidade da primeira medida é converter ao Clúster nun punto de encontro de ideas-proxectos que individualmente son complexos de executar. O papel do Clúster TIC Galicia será o de buscar a viabilidade da execución contribuíndo a maduración da idea, a busca de financiación, a busca de socios,... A segunda medida vai encamiñada a establecer un sistema de recollida de queixas ou suxerencias por parte dos socios, co fin de que o Clúster poida buscar explicacións e solucións en tempo.
A xuntanza tamén se aproveitou para presentar os 3 proxectos INNOEMPRESA que executará o Clúster TIC ao longo deste ano. Un vai encamiñado a implantación da ferramenta Elastic Projects, software para a xestión de proxectos, o cal xa foi comunicado a socios, os cales están en prazo para manifestar o interese na participación. Os outros dous, que en breve se abrirá o prazo para anotarse como empresa beneficiaria, van dirixidos a implantación da factura electrónica e a certificación na norma UNE166.002.
Xa no tempo de debate, membros do actual Comité Estratéxico pulsaron a percepción que teñen os socios da actual xestión. Os socios presentes coincidiron no cambio de rumbo no último ano e tamén na xestión do mesmo. Comentouse que actualmente hai un Clúster no que as empresas se senten representadas e no que se pode propor e facer cousas. Aínda así, varios dos socios presentes manifestaron que se debe comunicar mellor as accións que realiza o Clúster, tentar realizar actividades de efecto máis inmediato e directo ás empresas e buscar medidas incentivadoras que permitan a interacción das grandes e pequenas empresas.
Comments