O Clúster TIC Galicia abre o prazo para presentar proxectos á edición 2015 do “CCN | Clúster TIC Capital Network”, iniciativa de referencia en Galicia para facilitar o coñecemento e contacto entre emprendedores TIC e investidores privados e que constitúe unha oportunidade para dar apoio á creación e ao crecemento de empresas de base tecnolóxica en Galicia. Nesta ocasión, a iniciativa celebrará unha xornada de descubrimento de novos proxectos empresariais na que as startups participantes poderán presentar ante investidores privados as súas ideas de negocio, na sección de emprendemento poderán atopar máis información sobre o proceso.
Presentación e selección de proxectos
Dado que as prazas para a xornada son limitadas, os proxectos empresariais que mostren interese en participar na iniciativa pasarán un sinxelo filtro para escoller as startups que se adapten ás características e as posibilidades de financiación dos investidores privados asistentes.
De especial interese son os proxectos xurdidos nos grupos de investigación das universidades que conten con patentes ou con propiedade intelectual rexistrada.
Os proxectos que superen este filtro, participarán na xornada final de presentación ante os investidores co obxectivo de acadar o financiamento necesario que lles permita sacar adiante a súa idea de negocio.
Club de Investidores Clúster TIC garantía de calidade e motor de arrastre para outros investidores privados
O pasado mes de novembro constituímos o Club de Investidores no que participan, até o momento, oito empresas socias que son Altia Consultores, Bahía Software, Clictic, Imatia Innovation, Grupo Itelsis, JDLV Inversores, Plexus e R; e que asumiron o compromiso de investir, cada un, un mínimo anual de 50.000€ en startups galegas baseadas nas tecnoloxías da información e das comunicacións. Ademais de apoio financeiro, o Club da asesoramento en áreas técnicas e de xestión aos proxectos empresariais incipientes.
O primeiro investimento do Club fíxose o pasado mes de maio no proxecto empresarial CENTUM Research&Technology, unha compañía especializada no deseño, desenvolvemento e comercialización de sistemas aeronáuticos de misión, tanto para plataformas aeronáuticas tripuladas como drons, que se dirixen principalmente a operacións no ámbito das Emerxencias e a Seguridade. Unha aposta que avalou este proxecto galego e que lle permitiu conseguir máis investidores privados de renome nacional e internacional.
Xornada CCN’2015
As startups seleccionadas participarán na xornada de descubrimento de proxectos que se celebrará na última semana de xullo, na que terán a ocasión de facer unha presentación individual da súa idea de negocio ante o Club de Investidores do Clúster TIC Galicia así coma outros investidores públicos e privados invitados.
A xornada está co-financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) a través da convocatoria 2015 de Axudas para Proxectos de Iniciativas Abertas de Difusión co-financiadas polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia.
En medios:
El Correo Gallego | Aberto o prazo para o Clúster TIC Capital Network CCN'2015
Código Cero | O Clúster TIC abre o prazo para participar en Capital Network 2015
Comments