A Xunta e everis realizarán un estudo entre alumnos de secundaria e bacharelato para coñecer a situación das vocacións tecnolóxicas en Galicia

A Xunta e everis realizarán un estudo entre alumnos de secundaria e bacharelato para coñecer a situación das vocacións tecnolóxicas en Galicia


  • Realizarase unha enquisa online anónima en centros de educación secundaria da Comunidade
  • Os resultados, que se coñecerán no verán, servirán para abordar posibles medidas de difusión das diversas saídas laborais destas carreiras
  • Só o 9% dos estudantes universitarios galegos están matriculados en carreiras científico-tecnolóxicas





Galicia é a quinta Comunidade con máis empresas TIC de España e o sector tecnolóxico galego mantivo o emprego por riba dos 15.000 traballadores nos últimos catro anos 
 

Coñecer as causas da baixa porcentaxe de matriculados en estudos tecnolóxicos en Galicia e poder abordar medidas que axuden a difundir as diversas saídas laborais destas carreiras son os obxectivos do convenio asinado entre o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o responsable de everis en Galicia, Jesús Lage.

A elaboración do “Estudo dos Factores Influíntes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en Galicia” enmárcase nos compromisos de everis como asinante, xunto con outras 11 empresas del sector TIC e o Clúster TIC Galicia do Pacto Tecnolóxico de Galicia, promovido pola Amtega.

Para a elaboración do estudo realizarase unha enquisa online e anónima entre alumnos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato sobre os criterios e factores que máis lles inflúen á hora de elixir o seu itinerario formativo. Recopilada a información será a analizada por unha comisión de expertos do campo educativo para interpretar e valorar os datos de cara a realizar o estudo e achegar posibles vías para potenciar as vocacións científico-tecnolóxicas. A previsión é difundir os resultados do estudo no primeiro semestre de 2015.

A Amtega será a encargada de proporcionar a plataforma tecnolóxica para realizar a enquisa online e achegará a súa visión sobre o fomento destas carreiras como departamento coñecedor do sector tecnolóxico. A Consellería de Educación facilitará a coordinación cos centros educativos así como a participación dos axentes do ecosistema educativo na comisión de expertos. Pola súa parte everis, achegará os recursos humanos e materiais necesarios para a elaboración do estudo.  

As TIC unha boa oportunidade laboral


A máxima  responsable TIC da Xunta destacou que o sector tecnolóxico galego demostrou a súa capacidade e potencialidade e que o capital humano é unha das súas chaves. Polo que é preciso coñecer por qué tan só o 9% dos futuros universitarios apostan por encamiñar o futuro laboral cara esta área.

Segundo  o último estudo dos Colexios Profesionais de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia indican a alta empregabilidade das enxeñarías,  con  perto dun 92%  traballando e máis do 77% con contrato indefinido. Ademais, o 50% destes titulados atopou o seu primeiro traballo en menos dun mes e tres de cada catro volverían a estudar a mesma carreira.

Mar Pereira recordou que o sector tecnolóxico galego está integrado por 2.232 empresas, o  que nos sitúa como  a quinta do Estado con maior número de empresas neste ámbito, e que   da emprego a máis de 15.000 profesionais, unha cifra que se mantén desde o ano 2010.

Pola súa parte, o Conselleiro destacou os resultados do alumnado galego nas competencias científica e matemática en estudos como os de PISA como un potencial que xa se está impulsando a través de iniciativas como a dos contratos-programa, a iniciativa ‘Mulleres nas TIC’, ou o programa ‘Programación nas Escolas’, dirixido a introducir o pensamento computacional entre os máis novos. “Coa sinatura deste convenio queremos dar un paso máis. Buscamos coñecer os motivos que moven á alumna ou alumno a decantarse por estudar un ciclo de FP determinado o unha titulación universitaria específica. Non en van, os resultados deste estudo serán analizados por unha comisión de expertos coa finalidade de valorar os datos e poder propoñer novas vías de fomento das vocacións tecnolóxicas, explicou”.

Vázquez Abad recordou ademais que a Xunta está favorecendo, a través de proxectos  como o Abalar, os lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, para que a escola galega teña plenamente integradas as TIC; e agradeceu ao profesorado a súa implicación. “Seguro que nesta ocasión, unha vez máis, van a ser clave do éxito do proxecto”, dixo.

O director da oficina de everis en A Coruña, sinalou que “esta acción reafirma o compromiso de everis co Pacto TIC e co sector TIC en Galicia, e reforza a aposta que mantivo a compañía desde a súa chegada á Comunidade no ano 2006, polo talento e a innovación en e desde Galicia como pancas clave para a xeración de riqueza e emprego”. Así mesmo, Jesús Lage destacou “o carácter innovador do estudo que contará a visión dos propios alumnos, ademais do resto de axentes do ecosistema educativo”. Na súa opinión, “só coñecendo as causas que levan á falta de vocacións por carreiras tecnolóxicas dos estudantes poderemos definir medidas que contribúan eficazmente a romper esa tendencia”. “Como resultado desta iniciativa,   obteranse unha serie de conclusións que contribuirán a potenciar o talento tecnolóxico da Comunidade, ao seu sector TIC e en definitiva a un crecemento da economía de Galicia intelixente, sostible e integrador”, remarcou.

Pacto Tecnolóxico de Galicia

Esta actuación enmárcase nos compromisos de everis como asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia, un acordo no que tanto o Goberno galego como as empresas implicadas asumen un decálogo de compromisos para atraer inversión a Galicia, favorecer a internacionalización das pemes galegas e lograr a colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para  conseguir o crecemento do sector.

Xunto con everis subscribiron o acordo as empresas tecnolóxicas HP, Telefónica, Vodafone, Indra, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies