A Axenda Estratéxica de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i) do Cluster TIC Galicia e Vindeira proporá o desenvolvemento de once iniciativas de gran alcance no eido das tecnoloxías da información e das comunicacións, capaces de dinamizar o conxunto da economía galega e xerar base tecnolóxica propia.
Esta axenda, que será presentada publicamente, porá en valor o carácter transversal das TIC e a súa capacidade para funcionar como dinamizador do tecido produtivo da comunidade autónoma, por medio do desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que impulsen a mellora da competitividade dos sectores económicos clave.
A Educación, o Turismo, os Servizos Financeiros, o Comercio, o Transporte e os Servizos Socio-Sanitarios serán algúns dos sectores aos que estarán orientadas as iniciativas incluídas na Axenda Estratéxica. Cada unha delas poderá desenvolverse a través dun conxunto de proxectos.
A Axenda incluirá ademais un segundo conxunto de ideas a máis longo prazo, por estar o seu desenvolvemento condicionado á execución dalgunha das iniciativas do primeiro grupo.
Todas as iniciativas estratéxicas compartirán como características comúns a capacidade para atraer financiamento estatal e europeo; a posibilidade de ser desenvolvidas a medio prazo por entidades pertencentes ao sector TIC galego, permitindo a colaboración entre as empresas, as universidades e os centros tecnolóxicos, e a súa orientación á exportación. Incluirán, ademais, a realización de probas piloto na Comunidade Autónoma e impulsarán a creación de novas empresas de base tecnolóxica.
Comments