Unha app para persoas que viaxan en autocaravana, unha canle entre establecementos e a súa clientela, unha plataforma que certifica arquivos con blockchain, un comparador de prezos de diferentes tendas que recomenda onde e cando mercar ou asistentes de IA para hostalaría.
Estos son os cinco proxectos que se presentaron onte na Cidade das TIC no marco do programa Tech Angels, co que o Clúster TIC Galicia busca conectar emprendedores e startups con compañías tecnolóxicas consolidadas para explorar diferentes vías de colaboración e traballar conxuntamente.
O programa, financiado polo Igape, contou nesta ocasión co apoio dos socios Aethorix, Aldaba, Alfredo Castro, Cinfo, IP Global e Quobis. De producirse "match" entre algunha das propostas sinaladas e estas empresas e inversores, os participantes escollidos terían acceso a coñecemento especializado, mentoría e soporte tecnolóxico para converter as súas ideas en solucións que lles permitan acelerar e optimizar os seus modelos de negocio:
Vango: unha aplicación para o viaxeiro europeo de caravaning
Lorena López e Jamir Del Carpio están detrás de Vango, unha aplicación móbil que ofrece planificación de rutas e paradas, un buscador de áreas de pernocta con datos técnicos verificados (auga, electricidade, servizos), unha comunidade para compartir itinerarios e seguridade mediante localización en tempo real.
O obxectivo é paliar a fragmentación de información e a falta de datos verificados noutras plataformas de caracterítiscas similares, o que xera incerteza no viaxeiro, ademais de fomentar un modelo de turismo sostible e responsable, integrado coa normativa municipal.
Comunidades: unha canle única entre os establecementos e a súa clientela
Liderado por Manuel Alonso, Celia Soneira e Sandra Añon, Comunidades preséntase como unha plataforma dixital que conecta establecementos coa súa comunidade de clientes mediante unha aplicación móbil propia e un panel de xestión centralizado, onde publicar actividades, novidades e avisos.
Parte dunha base funcional común e configurable, que se personaliza para cada espazo ou negocio, o que reduce custos e tempos de posta en marcha.
Rootsure: evidencia dixital e integridade de arquivos
Ricardo Coronel e Gianfranco Lombardo son os impulsores de Rootsure, unha plataforma e capa de infraestrutura que permite certificar a existencia e a inalterabilidade de documentos e entregables, xerados por persoas ou axentes de IA, mediante pegadas dixitais ancoradas en blockchain con verificación pública.
A solución está pensada para empresas dos sectores legal, financeiro, recursos humanos e desenvolvemento de software que necesitan garantir a trazabilidade dos seus entregables.
RADAR: un comparador de prezos que recomenda cando e onde mercar
Manuel Basante dirixe RADAR, unha plataforma web que responde a un problema habitual nas compras en liña: a información está dispersa entre moitas tendas e as ofertas non sempre representan descontos reais. Para solventalo, Basante propón reunir nun mesmo espazo ofertas de distintas tendas, analizar o seu prezo actual respecto ao mercado e á súa evolución histórica e xerar unha recomendación sinxela de compra, espera ou seguimento.
ZYVO: asistentes de IA para hostalería
Hugo López, cociñeiro de profesión, é o CEO e promotor de ZYVO, un equipo de asistentes con IA para resolver os problemas habituais en restaurantes e negocios de hostalería: a xestión integral por parte dos responsables do negocio; a falta de comunicación entre cociña e sala, e a fragmentación do software que existe actualmento no sector.
ZYVO poderá utilizarse de forma sinxela, a través de audios ou con mensaxes desde o móbil, e todo quedaría conectado nun único panel web. A plataforma contempla incluír módulos de facturas, reservas por WhatsApp e web, carta dixital e comandas, fichaxes con rexistro horario legal e inalterable, así como páxinas web.
Comentarios