A convocatoria de Clúster TIC Galicia para ocupar o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC pecha con peticións de empresas para ata tres edificios completos

Silvia Camesella,

A convocatoria de Clúster TIC Galicia para ocupar o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC pecha con peticións de empresas para ata tres edificios completos


Coas solicitudes recibidas  e un ano antes da súa inauguración, o Centro de Servizos Avanzados e dúas  das  naves da infraestrutura están xa ao completo 

Dezaoito empresas TIC de toda Galicia e un centro tecnolóxico formalizan o seu interese por estar presentes neste centro de innovación dixital, tras finalizar o 3 de xuño o  prazo da primeira convocatoria

No mes de xullo darase a coñecer a puntuación das solicitudes presentadas e abrirase o proceso para ir asignando espazos

O Clúster TIC Galicia recibiu solicitudes formais para 17.000 m2 de superficie, dentro do proceso aberto para integrarse no primeiro edificio da Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados (CSA), que ten una capacidade de 2.500 m2.  As peticións recibidas supoñen a ocupación total do Centro de Servizos Avanzados, a primeira das infraestruturas da Cidade das TIC que se porá en marcha, e de dúas naves. 

A alta demanda de espazos rexistrada demostra o gran interese do tecido empresarial TIC galego por formar parte deste parque tecnolóxico, e permite prognosticar que, a medida que máis edificios estean dispoñibles e as empresas poidan planificar a súa instalación con maior precisión, a Cidade das TIC completarase ao 100 %.

Un total de dezanove entidades de toda Galicia, entre as que se atopan grandes corporacións, pemes, start-ups e un centro tecnolóxico, formalizaron o seu interese por estar presentes neste proxecto estratéxico para crear un polo TIC e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional en A Coruña.

Concretamente, as empresas solicitantes demandaron a utilización dos medios e instalacións dos catro laboratorios que acollerá o Centro de Servizos Avanzados. Once destas compañías vincularon a súa reserva ao Laboratorio de Intelixencia Artificial (IA), que conta con elementos de demostración de sistemas reais de IA de todo tipo (imaxe, voz, recomendación…), preparación e etiquetaxe de datos para IA e aplicación en todo tipo de procesos industriais. Outras sete optan ao Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, que dispón dunha área de fabricación e outra de nanosensores fornecida polo INL de Braga, con aplicación en todo tipo de procesos industriais de IoT.

O Laboratorio Media Lab foi escollido por outras sete empresas. Está dotado de elementos de modelado, captura e simulación de contidos para a industria, sistemas de mantemento remoto, xemelgos dixitais, mercadotecnia industrial e prototipado de produtos. Por último, unha compañía postulouse para o Laboratorio de Computación Cuántica, dirixido a proxectos de loxística complexa, análise bancario e cripto.

O CSA será un lugar de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos. O CSA está xa integrado no Hub Dihgigal, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), o Clúster Alimentario de Galicia Aclunaga e o Clúster TIC Galicia.

Listaxe oficial de empresas

Está previsto que a mediados do mes de xuño, tras completarse o período de avaliación das solicitudes presentadas, o Clúster TIC Galicia dea a coñecer a listaxe provisional da clasificación  das empresas que solicitaron un espazo na Cidade das TIC, que será oficial previsiblemente a mediados do mes de xullo, unha vez completado o período de alegacións.

A Cidade das TIC,  no que a Xunta de Galicia comprometeu 4,82 millóns de euros, ademais da inclusión do proxecto entre os candidatos para optar aos fondos Next Generation por unha contía de 55 millóns de euros, ocupará 127.000 m2 da antiga Fábrica de Armas. Contará con naves individuais e compartidas, espazos de coworking da era postcovid, centros de demostración e colaboración de intelixencia artificial, creación de dispositivos intelixentes e exposición da transformación dixital. Ademai, disporá de espazos e apoio para spin-offs e start-ups, así como dunha aceleradora de empresas de alta tecnoloxía especializadas en IA.

Tamén formarán parte desta infraestrutura, fundamental para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, os centros docentes universitarios  e centros de investigación e tecnolóxicos TIC. Isto completarase con zonas de servizo para a formación especializada TIC e empresarial, asesoramento e servizos comúns, zonas de reunións empresariais, sociais, zonas verdes, áreas de deporte e de restauración.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies