A Amtega e o Clúster TIC Galicia colaborarán no deseño dun mapa de capacidades tecnolóxicas e dun portal de emprego TIC de Galicia

Silvia Camesella,

A Amtega e o Clúster TIC Galicia colaborarán no deseño dun mapa de capacidades tecnolóxicas e dun portal de emprego TIC de Galicia


A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asinaron un acordo de colaboración para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital no ano 2021.

O convenio, enmarcado dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, contribuirá a acadar os obxectivos de promover a adaptación ao mundo laboral cambiante, impulsar a dixitalización empresarial para a competitividade e potenciar o impulso dixital da producción local.

Mapa de capacidades tecnolóxicas de Galicia 

O Clúster TIC colaborará coa Amtega no deseño e recompilación de datos para a actualización do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia. Esta colaboración permitirá unha comunicación máis áxil coas empresas e entidades galegas que estarán presentes neste catálogo.

Esta ferramenta ten o obxectivo de servir de conexión entre os provedores tecnolóxicos e de coñecemento TIC e de facilitar a súa relación con entidades doutros sectores que precisen novas ferramentas dixitais.

Portal único de emprego TIC en Galicia

Co gallo de apostar polo talento e a súa incorporación no tecido produtivo das TIC, o Clúster TIC aportará o seu coñecemento e o dos seus asociados para o deseño conceptual dun portal único de emprego TIC en Galicia que permita a ofertantes e demandantes tanto atopar de xeito máis sinxelo aos perfís máis demandados coma ter máis accesible unha porta de entrada ao sector.

Difusión de eventos do centro GaiasTech

O Clúster TIC colaborará coa Amtega nas actuacións de difusión que faciliten a visibilidade do sector tecnolóxico así como na promoción do uso dunha infraestrutura de referencia como é o GaiasTech que se abrirá nas vindeiras semanas na Cidade da Cultura. GaiasTech será o centro de referencia da transformación dixital en Galicia.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies