O laboratorio 5G inicia a súa andaina cun primeiro proxecto de innovación baseado na Segmentación de Rede (Network Slicing), que permite aproveitar as características de virtualización da tecnoloxía 5G para crear redes illadas e adaptadas a necesidades específicas (como as das redes especializadas en IoT, de banda larga, as do vehículo conectado ou redes privadas para usuarios corporativos, etc.) sobre a mesma infraestrutura en ter que despregar novos equipos específicos, como podería ser necesario hoxe en día.
Esta iniciativa é posible grazas ao convenio asinado o pasado mes de marzo entre a Xunta e a Universidade de Vigo para lanzar un laboratorio 5G aberto ao ecosistema dixital. Desde entón foron varias as solicitudes de utilización do mesmo por parte do sector tecnolóxico. Estanse a explorar e avaliar as diferentes solicitudes, que comezarán a frutificar con este primeiro proxecto de innovación baseado na Segmentación de Rede (Network Slicing).
A Segmentación de Rede é unha das características máis innovadoras do estándar da tecnoloxía 5G, pero o seu desenvolvemento aínda se atopa nun punto moi inicial a pesar das grandes avantaxas que introduce na eventual compartición de redes, na asignación de largo de banda de acordo cos requisitos de cada usuario en cada momento ou para poder garantir as calidades de servizo acordadas.
Por iso a Universidade de Vigo e o Laboratorio 5G se converten nun referente nacional e tamén internacional no ámbito da investigación das funcionalidades que permite o estándar da tecnoloxía 5G. A proposta de análise do proxecto elevarase á seguinte convocatoria da Comisión de Seguimento, na que tamén se refrendará o nomeamento do Órgano de Coordinación Técnica.
O Laboratorio 5G
O Laboratorio 5G, sirve de espazo de teste de tecnoloxías destas comunicacións avanzadas sen fíos e sensorización para realizar probas e simulación, tanto de posibles solucións, servizos ou equipamento baseado nesta tecnoloxía avanzada sen fíos. Ese foi o obxectivo do convenio de colaboración asinado o pasado mes de marzo entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez.
Esta iniciativa enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G.
Con este convenio a universidade olívica e a Xunta danlle continuidade á colaboración iniciada coa posta en marcha do Curso de Especialista Universitario en 5G que celebrou a súa primeira edición en 2019.
Este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que na Comunidade se estean a desenvolver 17 pilotos de 5G repartidos nas sete grandes cidades en ámbitos de especial interese para a Comunidade como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo a educación e o audiovisual.
Comentarios