VINDEIRA VENTURE ACADEMY (VCN’13)

VINDEIRA VENTURE ACADEMY (VCN’13)



O Clúster TIC Galicia está organizando o IV Encontro Vindeira Capital Network (VCN) que conta coa colaboración de XesGalicia, IGAPE, CFV e o Concello de Santiago de Compostela e que se celebrará en Santiago os días 21 e 22 de novembro.

Desde hoxe venres e até o próximo 15 de novembro, os proxectos preseleccionados  para participar no IV Encontro Vindeira Capital Network afondarán, de xeito individualizado e moi a súa medida, en temas de mellora do seu plan de negocio, análise e alternativas para a financiación, comunicación e márketing adaptado as súas necesidades empresariais, etc, ao tempo que participarán en mesas redondas e xornadas nas que se afianzarán coñecementos, madurarán os seus proxectos e obterán técnicas de exposición, que lle permitirán, de xeito breve, claro e conciso facer unha presentación que capte o interese do inversor. En definitiva a Venture Academy é un programa formativo intenso e individualizado que garantirá a mellora dos proxectos cara a súa presentación ante inversores.

A esta IV edición do Vindeira Capital Network presentáronse 30 proxectos empresariais, dos que 17 foron convocados para facer presentación e defensa ante os membros do Comité de Selección, formado por representantes do Clúster TIC Galicia e de XesGalicia.

O Comité de Selección validou, polo seu alto potencial innovador, 15 proxectos que pasarán á fase formativa. No exhaustivo informe realizado, os membros do Comité indicaron os graos de madurez e as debilidades de cada caso, marcando as áreas e niveis dos que se deben de partir para, que de xeito individualizado, se traballen na Venture Academy. Unha formación con alta flexibilidade que se adapta a cada proxecto, conseguindo incrementar as posibilidades de alcanzar os mínimos de calidade e madurez esixidos para chegar á fase final, o encontro con inversores.

Aos 15 proxectos sumaráselle o gañador da StartupWeekend Galicia 2013, todos eles optan a participar no encontro con inversores e do seu esforzo e mellora alcanzada dependerá a súa participación.

Os proxectos preseleccionados abarcan temáticas diversas como son: software de comunicacións, aplicación móbiles, software deportivo, tecnoloxías de localización, servizos de certificación, plataformas de comercio electrónico ou biomecánica aplicada, entre outras. Unha demostración dos proxectos emprendedores e innovadores que desde as TIC galegas se están facendo e que tantos recoñecementos e éxitos internacionais se están a recibir polas nosas empresas.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies