“Temos moito que gañar se colaboramos para crear produto”

“Temos moito que gañar se colaboramos para crear produto”


Arbertal Networks é xa un clásico no sector TIC galego. Esta consultoría tecnolóxica con sede en Carballo naceu en 1997 e foi pioneira no comercio electrónico en España. Co seu xerente, Manuel Pan, iniciamos unha xeira de entrevistas cos socios do Cluster TIC Galicia.

¿Onde está a forza de Abertal?

Somos unha consultoría tecnolóxica centrada nos negocios turísticos e na comercialización, no máis amplo sentido do termo. Ofrecemos coñecemento da tecnoloxía e coñecemento do sector turístico. E ampla experiencia. Abertal creouse en 1997 e en 1999 puxemos en marcha unha das primeiras tendas online con pasarela de pago segura de España, así que se pode dicir que somos pioneiros do comercio electrónico.

¿Que produtos destacan no portafolio da empresa?

En canto a produto, ofrecemos tres sistemas de xestión: un de reservas online para hoteis, outro para consorcios de bombeiros e un terceiro de xestión de citas online aplicable a consultas médicas, bufetes de abogados, notarías, centros de estética, talleres, etcétera.  Por outro lado, ofrecemos servizos de xestión de comunidades virtuais que temos en marcha en 26 concellos de Galicia. Nesta liña, por exemplo, traballamos para a Xunta na plataforma do voluntariado galego. Ademáis diso, ofrecemos servizos de consultoría estratéxica en turismo e comercialización.

¿O reto é saír fóra de Galicia?

Actualmente estamos abrindo mercado en Cataluña pero si, o noso reto neste momento é saír de Galicia e chegar a toda España cos nosos servizos de consultoría estratéxica. O obxectivo prioritario son os grandes destinos turísticos.

Malia a crise…

A verdade é que nós non podemos queixarnos. A carga de traballo para 2012 está sendo importante.

¿Como ve o sector TIC galego?

O noso é un sector de empresas moi pequenas e no que as tractoras son case inexistentes. Hai moito que gañar en fusións, acordos e colaboración para a creación de produto. Aí o Cluster pode xogar un gran papel, impulsando ese tipo de iniciativas. Xerar sinerxias dirixidas á creación de produto sería fundamental. Por exemplo, teríamos que crear un catálogo de produtos TIC dirixidos ao turismo. Nós ofrecémonos para coordinar ese traballo.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies