“Os grandes están distorsionando o mercado con ofertas de baixo coste”

“Os grandes están distorsionando o mercado con ofertas de baixo coste”


Miguel Ángel Bugarín Pumar é o xerente de Visual Publinet, unha empresa con ampla experiencia en todo o negocio que hai arredor da comunicación dixital, cunha carteira de máis de 900 clientes dos máis variados sectores. Bugarín, que tamén é membro do Comité Estratéxico do Custer e participa no grupo de traballo de Marketing e Comunicación, está convencido de que as empresas TIC galegas precisan dar o salto ao exterior. Como exemplo, a súa, que está en pleno esforzo para facerse un oco nos mercados de Madrid e Barcelona. “É a nosa internacionalización”, asegura.

¿Como caracterizaría a súa empresa?

Visual Publinet é unha empresa dedicada aos servizos de comunicación en Internet. Facemos todo o que teña que ver con ese terreo de xogo: web, mobilidade, tendas de e-commerce, redes sociais…

Nese campo, a competencia é ampla. ¿Cal sería o valor diferencial de Visual?

A nosa experiencia de quince anos e o noso coñecemento sobre como se desenvolve un negocio en Internet. E, ademáis, o valor que aportamos en deseño. Estamos traballando cun concepto novo como é o deseño sensible, que permite que as webs se adapten ao tipo de dispositivo en que están sendo visualizadas: PC, tablet, smartphone... También nos distinguimos por produto, con, por exemplo, a nosa ferramenta de boletín online ou os nosos desenvolvementos de plantillas web sinxelas para emprendedores.

Deseño e tecnoloxía. ¿Como se equilibran esos dos elementos?

Dámoslle exactamente a mesma importancia a cada un deles. Temos que ser quen de crear un impacto visual cun deseño orixinal e elegante, pero tamén temos que  dar un servizo útil aos nosos clientes, e para iso necesitamos a tecnoloxía.

¿Destacaría algún proxecto dos que Visual Publinet teña acometido recentemente?

Estou moi satisfeito, por exemplo, das webs que desenvolvemos para o grupo Solvida Hoteles, na que utilizamos precisamente o deseño líquido, e para Coren Grill. En e-commerce destacaría, por exemplo, o traballo que fixemos para a portuguesa Casa Alvarinho.

¿En que momento se atopa o mercado da comunicación web?

Está nun momento de transición no que hay que adaptar unha chea de novas tecnoloxías. A competencia é voraz, especialmente por parte dos grandes, que distorsionan o mercado con ofertas de plataformas de baixo coste. Son ofertas moi agresivas, que aportan moi pouco desde o punto de vista do deseño e da tecnoloxía e que non contribúen precisamente a prestixiar os nosos servizos e produtos.

¿Están nunha guerra de prezos?

No cliente de perfil baixo, si. Non no cliente de perfil medio a alto, que o que busca é un provedor que de verdede lle aporte valor engadido.

¿Onde están os clientes de Visual Publinet?

O oitenta por cento están en Galicia e o vinte por cento restante, fóra. Agora estamos  facendo unha aposta forte polos mercados de Madrid e Barcelona, donde hai moitas empresas dese perfil medio e alto que nos interesa. Esa é a nosa internacionalización, maila que xa temos clientes en Portugal. Tamén temos feito traballos para firmas de Marrocos, Venezuela, Panamá ou Nova Zelanda, pero nestes casos trátase de delegacións de empresas galegas.

¿Que lle falta ao sector TIC galego para acabar de consolidarse e despegar?

Vender fóra de Galicia. Temos coñecemento e calidade, e a ventaxe que supón un coste de xornada menor que a maioría dos nosos competidores. Ás veces tendemos a encerrarnos en nós mesmos e iso é un erro, porque temos capacidade de sobra para competir en calquera mercado. Temos que saber colaborar e sumar forzas para dar ese salto

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies