Últimos días de inscrición para a xornada de transferencia sobre sistemas intelixentes de análise de vídeo

Últimos días de inscrición para a xornada de transferencia sobre sistemas intelixentes de análise de vídeo



Como vimos informando dende fai unhas semanas, o Clúster TIC e Gradiant organizan unha xornada de transferencia sobre sistemas intelixentes de análise de vídeo o vindeiro mércores 24 de xullo no Edificio CITEXVI, en Vigo. Lembrámosvos que a xornada é gratuita e aberta a todas as empresas, previa inscripción a través do correo info@clusterticgalicia.com antes das 15h do luns 22 de xullo. [Ler máis]

Ao longo da xornada "Sistemas Intelixentes de Análise de Vídeo: aplicacións e oportunidades de negocio", Gradiant revisará o estado actual das tecnoloxías de visión por computador e análise de vídeo intelixente, facendo fincapé na súa aplicabilidade en casos reais de interese para empresas TIC e doutros sectores. Durante a xornada farase demostración in situ das capacidades de Gradiant neste ámbito, e identificaranse as tendencias futuras e oportunidades de negocio.

A xornada desenvolverase a través de catro relatorios a cargo dos investigadores expertos en cada unhas das temáticas, que incidirán na aplicación práctica destas tecnoloxías no eido empresarial.

  • O primeiro relatorio abordará os sistemas de interpretación de esceas aplicadas á seguridade e ás cidades intelixentes e correrá a cargo da investigadora Raquel Dosil
  • O segundo relatorio versará sobre o recoñecemento biométrico e a análise facial e as súas múltiples aplicacións. Este relatorio correrá a cargo dos investigadores Esteban Vázquez e Pablo Dago
  • O terceiro relatorio tratará as aplicacións da análise de vídeo capturado con sensores 3D e de electrónica de consumo, sendo os encargados do mesmo os investigadores Daniel Pereira e Helena Fernández
  • O cuarto e último relatorio desenvolverá o concepto de realidade aumentada e a súa utilidade en múltiples sectores, correndo a cargo da investigadora Antía Fernández
A xornada rematará cunha mesa de debate na que se falará das oportunidades vencelladas ás tecnoloxías expostas así como os marcos de financiamento actualmente en marcha que poden resultar de intereses para as empresas, como é o caso de Conecta PEME.

Máis información

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies