Hoxe desenvólvese no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela a segunda e última xornada de Vindeira Capital Network (VCN) 2012, un encontro no que se dan cita trece emprendedores e representantes dos fondos de capital risco e business angels especializados no sector TIC máis importantes de España. As carteleiras destes investidores suman 40 millóns de euros. O obxectivo dos emprendedores é seducir aos potenciais financiadores para converter as súas brillantes ideas de negocio en realidades empresariais. Deste modo, a terceira edición de VCN quere seguir contribuíndo a posicionar a industria galega das TIC como "un referente recoñecido a nivel europeo".
Na rolda de prensa de presentación de VCN 2012, Gerardo Crespo, presidente do Cluster TIC Galicia, entidade promotora do evento, manifestou a súa confianza en que o encontro sexa un éxito, dada a calidade dos proxectos presentados, que pasaron un esixente filtro de selección. Crespo destacou que Vindeira Capital Network "soubo implicar no seu proxecto á iniciativa privada, ás administracións e entidades públicas, á universidade e a plataformas e centros tecnolóxicos", sendo deste modo un exemplo do xeito en que se debe traballar "no negocio das tecnoloxías da información e as comunicacións en Galicia". O presidente do Cluster aplaudiu tamén o feito de que no programa deste ano se incluíse unha fase de formación para os promotores dos proxectos, a Vindeira Venture Academy. "Nun país cuxo sistema educativo non incentiva a vocación empresarial, unha escola de emprendedores é sen dúbida unha boa idea", asegurou.
Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente de Vindeira Plataforma Tecnológica das TIC e vicepresidente do Cluster TIC Galicia, asegurou que o reto do sector non é tanto encontrar fondos para financiar iniciativas, senón ser capaz de xerar proxectos de calidade abondo para aproveitar o capital dispoñible. Do Curral destacou que as carteiras dos financiadores reunidos en VCN 2012 suman 40 millóns e recordou que nas dúas anteriores edicións do encontro se puxeron en xogo un total 20,5 millóns de euros e 19 proxectos, dos que polo menos sete obtiveron o financiamento necesario para o seu desenvolvemento.
Participaron tamén na presentación de VCN 2012, Maite Cancelo, directora de BIC Galicia,; Juan Cividanes, director xeral de XesGalicia, e José Luis Villaverde, director da área de Valorización, Transferencia e Emprendimiento de la Universidad de Santiago de Compostela.
Comments