O Cluster TIC Galicia remitiu á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) unha evaluación crítica do borrador de Axudas á Sociedade da Información. Na súa resposta, enviada por carta á SXMIT o pasado 17 de xaneiro, o Cluster indica: “A convocatoria de axudas para 2011 segue unha orientación similar á do ano anterior, que tiña defectos de base. Isto fainos temer que os seus resultados rexistren as mesmas deficiencias xa detectadas na convocatoria anterior”.
A crítica exténdese tamén ao procedemento de consulta da SXMIT, xa que o borrador foi remitido ao Cluster cunha marxe de tempo para a resposta moi escasa, o cal, segundo indica o Cluster na súa carta, fixo “imposible” realizar unha análise en profundidade do documento.
Con todo, o Cluster expresou á súa vontade de cooperación, indicando que a entidade se pon “de forma prioritaria a disposición da Secretaría Xeral con vontade de manter unha reunión de urxencia e poder trasladarlle o noso punto de vista, co obxectivo común de plasmar as necesidades do sector na convocatoria”. A misiva remata indicando de que, en caso de non ser posible unha reorientación das axudas, o Cluster TIC Galicia non poderá aliñarse coas mesmas.
Comentarios